Translate

27/08/16

Santa Margarida de Montemaior, A Laracha



Santa Margarida de Montemaior, A Laracha, é un santuario con capela
(séculos XIX-XX) situado no lugar do mesmo nome, concello da Laracha. Está situado a carón dunha fermosa carballeira.

Moi cerca  do santuario, como ocorre en case todos os santuarios de Galiza, atópase a fonte de Santa Margarita. A nosa é a terra da auga, son moitas e abondosas as fontes, regatos, lagoas e ríos. No imaxinario popular persiste a crenza de que a auga é o elemento fundamental máis forte que o lume, a pedra e o ar, é un elemento que garda e outorga a vida. En fontes, lagoas e ríos agáchanse personaxes mitolóxicos populares como xanas, encantos e meigas. 

As lendas, cantigas e romances, amosan a carga simbólica das fontes, con referencias a vellos cultos hídricos e ás súas propiedades beneficiosas e profilácticas, moitas veces curadoras e mesmo fecundantes.

As augas de Santa Margarida, patroa da fecundidade e protectora das mulleres en parto, curan as enfermidades da pel, as doenzas da gorxa e a esterilidade;

As persoas devotas utilizan os panos, mollados na auga da fonte, para lavar a parte afectada do corpo e penduralos das árbores ou das silveiras, preto da fonte.

A estas fontes acudía, dende moi antigo, a poboación rural na procura da saúde perdida, e foron cristianizadas, como lle pasou a moitos lugares, baixo o padroado de santos e virxes.

A importancia destas fontes quedou reflectida nas cantigas populares como as seguintes:

 
"Santa Margarida ten

unha fonte con dous caños,

onde se van a curar

tódolos males estraños".


Ou esta outra:

"Miña santa Margarida,

miña Margarida santa;

a auga da túa fonte

curoume a miña garganta". 




Se queres ver as fotos pincha aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario