Translate

27/04/13

Laxe, Faro de Laxe, Traba de Laxe, entorno

Laxe é unha vila situada na entrada sur da ría "Corme e Laxe", en plena Costa da Morte. Pertence a comarca de Bergantiños. Na punta Insua, cerca da vila, sitúase o Faro de Laxe, de torre simple, que avisa aos navegantes das rochas situadas na zona e, tamén, da entrada sur da ría. Dende este enclave podemos ver, ademais do ancho mar, a costa situada ao norte, o Faro do Roncudo, a vila de Corme, algunhas das praias situadas ao fondo da entrada do mar, entre outras paisaxes. Cara ao sur podemos contemplar paraxes como os Penedos de Traba ou albiscar o cabo Vilán.

Tamén merece unha visita a igrexa de Santiago de Traba de Laxe, situada perto da lagoa do mesmo nome, a poucos quilómetros ao sur da vila.
Recomendo o libro, "Os Faros da Costa da Morte", de: Xosé Mª Lema Suárez e Manuel Vilar Álvarez. publicado por NERIA.




22/04/13

Betanzos, un paseo

Un paseo por Betanzos, permite a contemplación dun espazo que nos trae á memoria distintas etapas da nosa historia e os correspondentes estilos arquitectónicos, así como, as distintas realizacións estéticas. Os ríos Mandeo e Mendo ofrecen, tamén, un conxunto de elementos de moito interese: paisaxes, pontes, barcas, paseos, etcétera. 

18/04/13

Camiñata por terras de Montemaior

Montemaior é unha das parroquias do concello da Laracha. Situada no límite sur-leste da comarca de Bergantiños. Parroquia de grande produción agrícola e sobre todo gandeira. O grande número de Capelas fálanos da súa extensión e relixiosidade. A algunhas destas Capelas acoden persoas de de toda a comarca, é o caso da capela de Santa Margarida. Esta parroquia aínda conserva restos de obradoiros, un exemplo destacado son as antigas instalacións do curtidoiro de Cumiáns, que estiveron activas ate mediados os anos 1960. Pazos e restos de torres medievais, tamén, nos falan dun pasado feudal. O nome, Montemaior, indica a situación desta parroquia nunha zona alta, dende a que se poden ver as poboacións de A Laracha e Paiosaco, tamén se pode ver o mar, por encima do val de Baldaio.    

13/04/13

Paseo por ROTHENBURG, Alemaña

Rothenburg, é unha cidade situada ao sur de Alemaña. Estado de Baviera.
A súa configuración é medieval. Mesmo parece que estamos no escenario de algún dos contos infantís Alemáns.



   

08/04/13

Camiñata á beira do río Lor, Castro Dares, Quiroga

Á veira do río Lor e pasada a aldea do Medo, onde os romanos buscaron e apañaron ouro,  acompañados dunha choiva fiel, fomos a "conquista" dos curutos mais altos. As castrexas/os xa os atoparon moito antes ca nos, seguro que lles custaba menos traballo chegar ao bico. Ao final as vistas mereceron a pena. Dende o Castro Dares vimos, tamén, como o Lor remataba o seu percorrido e vertía as augas no río Sil, en Augas Mestas.
As cerdeiras, "zreixeiras(como se di en Bergantiños)", mostráronnos as súas flores brancas. 


 

 

05/04/13

Lago Ammersee, Munic



O lago Ammer (en alemán, Ammersee) é un lago na Alta Baviera, Alemaña, situado ao suroeste de Múnic entre as cidades de Herrsching e Dießen am Ammersee. Cunha superficie de aproximadamente 47 km2, é o sexto lago por tamaño de Alemaña. Atópase a unha altitude de 520 msnm e ten unha profundidade máxima de 81 metros. Como outros lagos bávaros, o lago Ammer desenvolveuse como consecuencia do desxeo dos glaciares da Idade de Xeo. O lago Ammer está alimentado polo río Ammer que flúe como Amper fose do lago.
O lago Ammer e o río Amper forman parte da antiga ruta do comercio do ámbar que levaba ao paso do Brennero.
A palabra Ammer é unha forma do século XIII de Amper, celta *ambra, que deriva do indoeuropeo *ombh-, *mbh- "húmido, auga".





01/04/13

Portugal, Monçao, Melgaço... devagar

Pasando o Miño pola antiga fronteira de Salvaterra, chegamos a Monçao. O primeiro que se ve é a muralla-fortaleza que rodea a cidade vella, e que nos rememora as pretensións Castelas de ocupar o territorio Luso.
Un casco antigo dános a benvida, con calexas, recunchos, vistas ao Miño e a Galiza, do outro lado raia.
Unha boa comida, prezo axustado, e un viño saboroso, Albarinho branco, deixan unha suave pegada nos sentidos. 
A feira, nun lateral da muralla, tradicional, con toques "kitsch", con coles e ceboliño á venda, todo ben combinado.
Unha exposición, galaico-portuguesa, amosa as raíces comúns entre as dúas realidades.
Melgaço, situado a poucos quilómetros río arriba, tamén ten amurallado o seu casco histórico, a lenda sobre a heroína Ines Negra, infórmanos dos motivos. A vila está presidida por unha torre, situada no medio dunha fortaleza. Encanto e beleza son as sorpresas que nos depara un paseo polas praciñas e recunchos vellos, pero, se o facemos moi amodo.
Parte das fotos son de M.M.P.