Translate

25/04/14

Mosteiro de Santa María de Carracedo

O mosteiro de Santa María de Carracedo é unha antiga abadía, xa exclaustrada, fundada no século X e pertencente ás ordes Beneditina e, posteriormente, Cisterciense. Sitúase en Carracedo del Monasterio, no concello de Carracedelo, na comarca do Bierzo, na provincia de León, a carón do Camiño de Santiago.  Actualmente está case na ruína, aínda que rehabilitado para a súa visita. Conten diversos estilos, destacan os elementos románicos, cistercienses e protogóticos, correspondentes aos séculos XII e XIII. 

21/04/14

Roteiro costa de S. Adrián de Malpica

Este roteiro permítenos contemplar múltiples paisaxes, entre outros: As illas Sisargas, arquipélago galego sito no Océano Atlántico en fronte a Malpica en plena Costa da Morte, formado por tres illas, Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, que pertencen ao concello de Malpica de Bergantiños, na provincia da Coruña. Monte e punta Nariga, onde se sitúa un faro de recente construción. Punta de Razo, extremo occidental da praia de Baldaio, que pertence ao concello limítrofe de Carballo. Máis ao lonxe pode verse o polígono industrial de Sabón e as costas da zona de Ferrol.

10/04/14

Castro de San Cibrao de Lás, Croa

Na croa comezáronse traballos de escavación sistemática no ano 1922 por parte de Cuevillas. Nestes traballos descubríronse, próxima á porta, unha construción de planta case cadrada feita con cachotería e pavimentado interiormente tamén con cachotería. Ao carón da muralla, á dereita da porta, pódese ver unha inscrición sobre o penedo co texto IOVI (dedicado a Xúpiter). Tempo máis tarde, Xaquín Lorenzo destapou varias construcións con plantas de diversas tipoloxías pero, en contraste coa ordenación da antecroa, todas elas illadas entre si.
É de destacar que nas portas de entrada, o acceso á croa era por medio de escadas, o que impediría a posibilidade de que os carros accedesen a ela.

04/04/14

Castro de San Cibrao de Lás

O Castro de San Cibrao de Lás, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías.
A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores. Os nomes de Lambrica, Lanobriga e Lansbrica proceden de diversas lecturas que foron feitas sobre unha ara romana dedicada ao deus galaico Bandua, existente nunha casa particular na veciña parroquia de Eiras.