Translate

28/05/16

Lugo, un espazo vital de Manuel María



Lugo, un espazo vital, de versos e amores
duradeiros, espazos do poeta Manuel María.



Vivín en Lugo algúns anos,
conseguín ser bachiller
e gastei a adolescencia
en troulear e escreber.



En Lugo atopei, pra sempre,
o meu amor, que é Saleta:
¡comigo a vida non puido
ser máis xentil e perfecta!

21/05/16

A Casa de Manuel María


A casa onde medran os versos

A casa e o seu contorno amurallado,

erguidos con paciencia e sentidiño

eran un mundo antigo e pequeniño

e un feliz universo desexado…

A casa e o seu contorno ben cercado,

no que a vida corría de mansiño,

tiña a quentura tépeda dun niño

e as ríxidas fronteiras dun estado.

A casa : matria, patria, fundamento

do desacougante drama do existir,

alegre ás veces e outras tristurento.

A casa é para nacer, para vivir.

E deixarlle en herdo o último alento

cando, á forza, teñamos que partir.

13/05/16

Penas de Rodas


Manuel María, dedicou  estes versos a Penas de Rodas:



 En Gaioso, ollando a Chá
Hai dúas penedas ergueitas.
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas!

As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
Que espían con atención
Ós eidos máis alonxados.

    
                  Si ambas penas se desfán
                 arde, co mundo, un tesouro:
                 ¡unha pena é de alquitrán,
                 a outra unha trabe de ouro!

                Non sodes, non, cantería,
                ouh  penas de encantamento.
               ¡Temo que calquera día
               vos poida levar o vento!

Penas de Rodas
Dous bloques de granito circulares e de inmensas proporcións aparecen nos montes de Gaioso, Outeiro de Rei.    
Son dúas bolas de disxunción que parecen estar a piques de caerse e que dominan a paraxe natural, situadas a máis de seiscentos metros de altitude en plena terra Chá. 
Segundo a lenda popular unha da moles está chea de ouro, que faría rica á comarca, e a outra tería alcatrán e si rompese levaría á destrución as persoas qu moran na súa contorna. Ao non saber distinguilas ninguén quere rompelas. 
Para o que si se utilizaron, na época romana, foi como observatorio astronómico e poder predicir as datas do ciclo agrícola, e tamén é posible que fosen utilizadas como altar cerimonial nos rituais celebrados polos nosos ancestros.


07/05/16

Zamora cidade




Zamora cidade. Parece que os primeiros poboadores destas terras foron os Vacceos, xente adicada á agricultura e á gandaría. 
Serán os Romanos os quen, aproveitando e consolidando os camiños marcados por Fenicios e Cartaxineses fundan Zamora. Esta poboación destacaba na calzada romana, Vía  da Prata, que partindo de Mérida chegaba a Astorga e cruzaba o Douro por Zamora. 

Tras as invasións do norte, Zamora pasa a ser territorio visigodo.  A mediados do século VIII chegan os árabes, chamaríana Azemur, Oliveiral Silvestre e constrúen a quinta muralla que tivo Zamora.

Despois dunha serie de alternancias no dominio, entre árabes e cristiáns. O rei Magno, rei de Asturias, repobóaa con mozárabes toledanos no ano 893, rodeándoa de murallas e dotándoa de pazos e baños, converténdose, polo seu emprazamento e características, nunha cidade fortaleza. Zamora é descrita polos cronistas árabes, como a capital do reino de Galiza, rodeada de sete recintos amurallados e grandes fosos.

O Castelo de Zamora está localizado na parte alta da cidade, detrás da Catedral. Está en fase de rehabilitación para criar o Museo Baltasar Lobo, actualmente situado na Igrexa de San Esteban. O castelo destaca pola súa Torre do Homenaxe, onde se xuraba fidelidade ao señor da terra, tamén destacan as paredes e o foxo que a rodea. O aceso é por medio dunha ponte levadiza. Foi construído no século XI, sufriu varias reconstrucións e ampliacións. Foi declarado Monumento Histórico. Enfronte ao castelo atópase o parque do castelo. 

Zamora posúe unha gran riqueza monumental románica, levantada principalmente no século XII, Idade de Ouro para a cidade. Máis dunha vintena de construcións románicas sitúana como a cidade coa maior concentración de arte románico por metro cadrado do mundo, o que lle fai valedoira do título de Cidade do Románico.

A este valioso conxunto hai que sumarlle a súa arquitectura modernista. Desde o 2009, Zamora pertence ao grupo de capitais incluídas na Ruta Europea do Modernismo.

As Aceas de Oliveirais, sobre o río Douro, atópanse no barrio de Oliveirais. A súa orixe remóntase a o século X, aínda que ao longo do tempo sufriron diversas reconstrucións. Estiveron en uso como martelo pilón, batán e muíños fariñeiros. 
ata finais do século XIX.



Preto das Aceas atópase a igrexa románica de San Claudio de Oliveirais. 


O miradoiro, situado xusto encima das penas de Santa Marta, permite contemplar unhas vistas panorámicas excepcionais de toda a ribeira do Douro, e tamén se pode ver a ponte románica, construída no S XII en pedra. Servía como baluarte de entrada á cidade desde la zona sur, estaba flanqueada por dúas torres. Por ela pasaba a Vía da Prata.