Translate

29/05/15

Dolmen de Pedra da Arca de Regoelle

Dolmen de Pedra da Arca de Regoelle. Este dolmen atópase no municipio de Vimianzo, cerca de Dumbría, no lugar coñecido como Regoelle. O dolmen encóntrase a unha altura de 318 metros, situado nunha chaira. Os antigos habitantes da nosa terra adoitaban elixir estas localizacións chairas e lixeiramente elevadas para os seus enterramentos. A antigüidade será do terceiro milenio antes de Cristo.



A Pedra dá Arca conserva boa parte das lousas orixinais. A cámara principal é poligonal e mantén cinco grandes laxes que sosteñen unha gran lousa ovalada. Unha das lousas verticais conserva unha pequena decoración en forma de gravados. O dolmen conta con corredor de acceso que se divide en dous tramos cubertos con sendas lousas. O dolmen encóntrase sinalizado, o acceso é por unha pista de terra. Cabe destacar a toponimia do lugar relacionada con este monumento megalítico, nomes como: Pedras do Altar, Casa dá Moura, Pedra dá Arca ou Gándara da Osa. Nesta zona existen outros moitos dolmens e castros.





Coordenadas do dolmen:

42°58'09.6"N 9°04'12.1"W

23/05/15

Río Barosa, paraxe natural

Parque natural do Río Barosa. Neste lugar combínanse a natureza e a arquitectura popular. Auga a cachón polas pedras abaixo, un conxunto de muíños e a vexetación exuberante da zona únense para formar un conxunto ordenado de natureza e traballo das persoas. Está situado preto da estrada N-550, no tramo que une Caldas con Pontevedra, no km 104, coordenadas (42.555534, -8.631105). O parque está presidido por unha fervenza de mais de 60 m de caída, un conxunto de catorce muíños de auga, dispostos ao longo das fervenzas forman un complexo particular no que a mesma auga vai movendo os distintos muíños na súa caída. Paralelo as fervenzas discorren unhas pequenas rotas de subida e de baixada pola ribeira. Durante o percorrido podemos atopar sorpresas como un grupo de gansos que nos pararon polo camiño, poñéndose moi serios. 
A zona está acondicionada como área recreativa, mesas, fontes, grelladas e servizos. Dispón dun bar restaurante, situado nun dos muiños. 

Encanto a flora predominan os amieiros, carballos, piñeiros e eucaliptos.

16/05/15

17 de Maio 2015, Vivamos e desfrutemos en galego



17 de Maio, un ano máis temos que reivindicar o uso e a dignidade para a nosa lingua, tamén temos que recordar que non temos que pedir desculpas por ser galegas/os e usar a lingua que nos é propia. Temos que enchernos de orgullo por vivir onde vivimos, coas fiestras abertas ao mundo pero dende as nosas paisaxes da nosa historia da nosa maneira propia de ver o mundo.
Temos que manter a nosa lingua porque nos permite comunicar os nosos afectos as nosas arelas os desexos máis fondos tamén os medos e as incertezas. Debemos usala en todos o ámbitos da nosa vida, válenos para comunicarnos na casa na escola na medicina no comercio na fábrica e nos soños.
Este 17 de maio no que nos queren traer escuros agoiros do pasado, temos que dicir, queremos futuro de liberdade, días claros e gozosos non vellas traizóns.
Ás persoas que optaron por adiar para máis adiante a reivindicación da nosa lingua e da nosa maneira de estar no mundo, temos que dicirlle que quen vive fora da súa realidade non pode entender e coñecer o terreo que pisa e ten que vivir unha existencia sen pertenza a ningún sitio e a ningunha realidade e, polo tanto, depende das correntes cambiantes e dos intereses espúreos de cada momento.
Vivamos e desfrutemos en galego. 
 

10/05/15

Pazo de Sabadelle, Chantada

Pazo de Sabadelle(Casa do Pacio), preto de Chantada. Edificio do século XVIII de planta cadrada. Na fachada principal, denominada Porta Nova, hai dous escudos de armas onde están representadas as familias de Juan López Varela e Isabel Mosquera Ulloa. A entrada principal dá acceso a un patio interior en forma de claustro con solaina e corredor decorado cunha balaustrada de pedra. Ao norte conta cunha pequena capela e un terceiro escudo de armas. Esta é a parte máis antiga do pazo, sorprende o corredor con balaustrada de madeira. A poucos metros da vivenda atópase o hórreo pertencente ao pazo.

Actualmente o Pazo de Sabadelle é unha explotación dedicada á produción ecolóxica de carne de becerro, raza pura rubia galega, años e capóns. Outros produtos de horta que cultivan son, leitugas, cebolas e remolachas.
A poucos quilómetros deste lugar podemos atopar Igrexas-mosteiro, orgullo das persoas que traballaron na súa construción, como as de Santo Estevo de Ribas de Miño ou a de Santa María de Pesqueiras, moi preto do Pazo.
As paraxes dos arredores, fermosas vistas sobre as ribeiras do río Miño, carballeiras, paisaxe agrario en plena produción, etc.
Por todos estes motivos merece a pena unha parada neste pazo, 0nde atende,  con moita amabilidade, Xosé,  que sempre ofrece aos amigos comida e pousada, incluíndo un apetitoso pratado feito con pito de Mos, da súa autoría. 

01/05/15

Monte "facho" de Donón

O nome de Monte "facho" de Donón indícanos que neste monte acenderíase lume, tanto para avisar aos barcos da presencia da costa e tamén hai noticias de que se usaría, este lume, para avisar da presenza de inimigos. O termo "Donón" é unha palabra de orixe celta que significaba recinto de pedra. O Monte do Facho sitúase na parroquia do mesmo nome na chamada Costa da Vela.
No bico do monte atópase o poboado castrexo chamado Beróbriga, ocupado dende o século IV ao I a.c. aproximadamente. Pódense apreciar case cincuenta habitáculos circulares, alguns dos cales adquiren medidas inusuais de entre cinco e sete metros de diámetro. A ladeira do monte está chea de pedras provenientes das vivendas e murallas que rodeaban o recinto. É posilbe que antes do poboado castrexo se situara outro moito máis antigo, quizais do século X ao VII a.c. habitado polos pobos das bisbarras chamados Helleni, cuxa extensión era xigante, pero do que non quedan case vestixios. O abandono do castro produciuse sobre o século I a.c. debido á marcha dos seus poboadores a outros emprazamentos máis axeitados  para a caza e a pesca. Xa no século II virían os conquistadores romanos que non serían capaces de que a poboación deixase de adorar o seu deus, chamado Bero Breus, despois de máis de catro séculos. 
Dende o alto deste monte, de uns 160 m sobre o nivel do mar, pode divisarse  dende o Cabo Silleiro en Baiona, pasando por toda a bocana da Ría de Vigo, As Illas Cíes, Ría de Pontevedra, Illas Ons, toda a Costa da Vela, Fisterra e sobre todo a inmensidade do Océano Atlántico.