Translate

30/01/15

SALVEMOS CATASÓS

O pasado día 25 de Xaneiro, ADEGA Lugo, reuniunos en Catasós para salvar as  fragas desta localidade. 
Castiñeiros centenarios, carballos aínda verdes, fentos nas marxes dos camiños, os últimos azafranes silvestres deste ano, prados verdes, carreiros tapizados de follas acastañadas, brañas húmidas e camiños entre muros de pedra antiga, toda unha variada flora e fauna, que constitúe un verdadeiro monumento natural. Todo este conxunto poden desaparecer.
Se aínda non puideches gozar desta fermosura de paisaxe, pensa que en breve pode ser demasiado tarde.
O trazado dunha liña de alta tensión por esta paraxe suporía cando menos a talla polo pé de 200 árbores, na súa maioría castiñeiros que están coidados para a produción de castañas e, por tanto, ben xestionados polos veciños e veciñas que propoñen o soterramento da liña baixo a estrada N-525. Polo de agora a instalación da liña atópase en fase de moratoria, a expensas de que Fenosa e veciños cheguen a algún acordo. Aínda así, en calquera momento a compañía eléctrica podería proceder as obras.

26/01/15

Hondarribia

Hondarribia é unha poboación situada na comarca de Bidasoa, Txingudi, recibe o seu nome destes dous accidentes xeográficos: o Rio Bidasoa, que nace nos veciños montes navarros, e a baía de Txingudi, onde desemboca este río. Estas características convertérona en fronteira natural entre Francia e España durante séculos.
Barrio da Mariña. É aquí onde se atopa a maior parte dos bares e restaurantes que deron fama á localidade. A rúa principal que se estende ao longo do barrio é peonil, está aliñada con árbores e chea de fermosas casas e establecementos nos que comer.
A outra atracción turística é a súa praia, de 800 m.
Zona vella. Dentro do recinto amurallado de Hondarribia escóndese unha encantadora Zona vella. A Porta de Santa María era, e aínda é, a entrada principal a zona. Esta porta medieval recibe aos visitantes e os guía á Kale Nagusia (Rúa Maior), onde se atopan algúns dos edificios máis emblemáticos do Casco Antigo. Un deses edificios é o concello de Hondarribia, aloxado nunha construción barroca do século XVIII.
Desde a Praza de Armas, recomendamos perderse polas rúas da Zona vella.

17/01/15

Mini e Mero, Penélope de Díaz Castro

Mini e Mero, cantautores galegos de recoñecido prestixio e conexíon co país, musicaron un poema de de Díaz Castro que se titula Penélope, no que se relata a peripecia vital do país. A introdución que fan ao poema é unha reflexíon oportuna sobrea a dignidade que debemos ter como galegas e galegos.

09/01/15

Bragança

 Bragança, cidade encravada nas montañas do Nordeste transmontano, a antiga cidade de Bragança deu o seu nome á derradeira dinastia de reis de Portugal.
A cidadela amurallada acolle no seu interior unha cidade medieval,que data do século XII, sorprendentemente ben conservada.
Un Castelo, construído por D. Dinis e ampliado por D. João I para mellorar a defensa da raia fronteiriza. No centro das catro torres cilíndricas do castelo, érguese a Torre de homenaxe. As murallas son coroadas por un camiño de rolda. coas súas torres de vixía e calabozos.
A Domus Municipalis (edificio pentagonal e monumento único da arquitectura civil medieval en Portugal, que servía de local de reunión para os «homes bos» do concello).
A  Igrexa de Santa Maria, tamén situada dentro das murallas, é de orixe románica, adquire estilo barroco debido a súa restauración no século XVIII. A Porta principal , do mesmo estilo, conten columnas salomónicas decoradas. No seu interior conten unha interesante pintura do século XVIII.
Un Pelouriño, situado no centro da praza, recorda os modos de facer xustiza nun tempo pasado.

05/01/15

O Areal de Berres


O Areal de Berres é un espazo de ribeira ao carón do Ulla, situado entre Ponte Sarandón e ponte Ulla. É un espazo de lecer, creación artística, recreo e celebracións cun toque máxico, como a festa do san Xoán.
O Areal é froito do traballo desinteresado e de diversas colaboracións de veciños e artistas locais.
Neste espazo tivo lugar, o 15 de agosto, a celebración do "I Día das Galegas nas Letras", a xornada e o espazo foi escollido polo grupo de crítica literaria feminista A Sega para esta conmemoración, que se inaugurou cunha homenaxe á compiladora do Cancioneiro Popular Galego Dorothé Schubart.