Translate

29/07/13

Embarcacións en Aguiño

Aguiño é unha poboación dedicada á pesca e ao marisqueo, situada onde o Barbanza se mete no mar. A estrada que nos leva a ela sae da rotonda situada ao final da autovía do Barbanza(G11). Nada mais chegar impresiónanos a retina unha imaxe do porto,  á esquerda, e outra do pobo, situado á dereita.
O porto está aberto; aos mariñeiros, faltaría mais, e tamén a todas as persoas que gustamos de ver e achegarnos aos peiraos, de ver os distintos tipos de barcos e botes, de valorar o traballo de mariñeiras e mariñeiros facendo as súas labores.
Os nomes das embarcacións, moi habitualmente de muller, fálanos das relacións  e dos afectos que se establecen entre o mundo do traballo no mar e os acougos íntimos, persoais.
Estas sensacións de comunidade co mundo mariñeiro producen un grande pracer. Achegarnos a estas vivencias lévanos a valorar a enorme diversidade do pais.

20/07/13

Fenicios en Aguiño, moitos din que pasaron por aquí

Cerca da lonxa de Aguiño, un indicador anuncia a presencia dun porto Fenicio. Chegados ao lugar, recomendable ir a pé pola veira do mar, vemos que unhas ringleiras de pedras enormes foron colocadas a modo de peirao. Fontes históricas aseguran que os fenicios comerciaron por estas zonas moito antes da chegada dos romanos,tamén nos din que o medio de transporte era o barco, logo pode ser que algunha das pedras fora posta por algún ou algunha fenicia. De todas maneiras ben está facer un exercicio de imaxinación e pensar que levamos moito tempo comunicándonos co resto do mundo.

13/07/13

Percebes, tamén, os de Aguiño

Aguiño é unha poboación situada ao final da Serra do Barbanza, onde esta se deita no mar. Está rodeada de pequenos cantís, grandes extensións de rochas, illotes que saen do fondo do mar. A punta da Serra, metida no Océano Atlántico, é continuamente batida polas fortes olas e ,tamén, varrida polas correntes da zona. Estas condicións fan posible que os percebes sexan de excelente calidade.
A entrada na lonxa e a visión das persoas limpando e escollendo o percebe, trae á imaxinación sutís e fondos sabores a mar.
    

03/07/13

Saída á Ribeira Sacra do Miño 2

O día 28 de xuño volvemos ás ribeiras do miño. Entre a Igrexa de San Martiño da Cova, no Saviñao, e a aldea de Belesar. Un percorrido moi fermoso, entre viñas verdes e ameixeiras con froitos tentadores. As vistas do miño e as súas reviravoltas ao lonxe foron unha regalía para os ollos. Atopamos, tamén, un sol e unhas calores moi subidas de luz e temperatura..., sobre todo para os que aturamos nubes e choiva nos últimos tempos polas terras Coruñesas. Costas arriba e costas abaixo, onde gastar a enerxía ate quedar sen forza, tamén hai.