Translate

30/08/15

Volterra, Toscana, Xirasois

Volterra, Toscana, Xirasois. Pequena cidade de arquitectura medieval que se atopa ao sur da Toscana, a poucos km de Siena e San Gimignano e cerca da costa. Volterra é unha cidade que conta con mais de 2000 anos de historia. Ten as súas orixes no século VII AC. Converteuse nunha importante capital Etrusca no século III AC, alcanzando unha poboación de 25.000 habitantes. De capital etrusca pasa logo a ser cidade romana. No século V DC constrúese en Volterra a primeira igrexa baixo o poder do Marquesado de Toscana, que impulsa un importante desenvolvemento económico, social, relixioso e xurídico. Na idade media Volterra segue xogando un papel relevante nas loitas entre Siena e Florencia e constrúense as murallas que aínda se poden admirar hoxe en día. Un paseo polas súas rúas do centro histórico amosan casas, torres e palacios que contan con máis de 2000 anos de historia.

As persoas de Volterra veñen traballando o alabastro para elaborar todo tipo de traballos ornamentais. Esta pedra caliza, sutil e translúcida, foi moi utilizada, hoxe escasea.
Tamén presta unha parada na campiña toscana para perderse nunha leira de xirasois.

23/08/15

Castelo de Monteriggioni, na Toscana

Castelo de Monteriggioni, na Toscana. Perderse pola Toscana, no centro de Italia, amodo e con moita disposición a "paponear", deixándote impresionar polas paisaxes, atópanse moitas vilas antigas, moitas delas amuralladas, que nos indican a importancia estratéxica destes puntos xeográficos.
Unha destas vilas é Monteriggioni, un pequeno poboado situado no alto dun outeiro, aloxado no interior dun castelo do século XIII e que desempeñaba un importante papel militar pois contribuía á defensa Siena de invasións de Florencia, por estar cerca de importantes vías de comunicación como a Vía Francigena e Cassia.

Resulta curioso un dos sistemas defensivos, cercaban as murallas con carbón que era incendiado no caso de invasións.
A muralla e algunhas das súas torres aínda se conservan hoxe, e foi este lugar o que inspirou á Dante Alighieri a súa obra "Divina Comedia".


 

14/08/15

Cinque Terre, Riomaggiore


Cinque Terre, rexión de Liguria, na Riviera, Italia, é o nome que se lle dá a unha porción de costa acantilada onde as persoas souberon adaptarse ao abrupto relevo bañado polo Mediterráneo. Antigamente  a poboación de Cinque Terre vivían do mar e a agricultura hoxe este lugar, patrimonio da humanidade desde 1997 e declarado Parque Nacional dous anos máis tarde, vive, tamén, do turismo. 

O primeiro dos 5 pobos que conforman o parque nacional das Cinque Terre, andando de sur a norte, é Riomaggiore, este é un pobo con numerosas casas coloreadas, empinadas na ladeira da montaña, que se estenden desde o alto ata a beira do mar, onde está situado un pequeno embarcadoiro.
Esta vila é visitada por numerosos turistas que comparten espazo cos habitantes do lugar, boa parte deles mariñeiros.
Un paseo polas estreitas rúas do pobo permite descubrir currunchos e paraxes particulares, asi como a vida tranquila da vila, roupa colgando das ventás, pintores idealizando as vistas do lugar. Tamén nos ofrecen artesanía, viños locais, bo peixe. 

No fondo do pobo, á beira do mar, hai un miradoiro dende o que podemos contemplar a costa empinada da zona, o mar Mediterráneo e unha panorámica do pobo.
Seguindo un carreiro que vai á beira do mar, atópase unha praia  empedrada, das poucas que existen na zona.

07/08/15

Coliseo, Anfiteatro Flavio

O Anfiteatro Flavio, coñecido universalmente como o Coliseo. Remataron a súa construción no ano 80 dc.  Estivo en funcionamento ata o ano 523, aínda que o último combate de gladiadores está rexistrado en 435. 
 A fachada do Coliseo é un dos exemplos máis completos da linguaxe clásica arquitectónica. Este sistema de construción serviu de modelo de composición construtiva ao longo dos séculos.

A finais do século VI construíuse unha pequena igrexa dentro da estrutura do anfiteatro e a area transformouse nun cemiterio. Nos chanzos instaláronse fábricas.
A principios do século XIII, unha familia da nobreza apropiouse do Coliseo e fortificouno, transformándoo nunha especie de castelo. 

En 1349 houbo un gran terremoto, que danou a súa estrutura e derrubou o muro externo ao lado sur. Moitas das pedras desprendidas e outras que se sacaron dos muros, incluído  o travertino (pedra similar ao mármore), que o recubría e que foi arrincado,asi como moitos elementos decorativos, foron utilizadas para construír e decorar palacios e igrexas, incluído o Vaticano. Unha das construccións nas que se empregou foi no Palacio Barberini, que deu orixe ao dito(O que non fixeron os bárbaros, fixérono os Barberini). O espolio continuou ata 1749.

No Coliseo os romanos gozaban de moitos espectáculos diferentes; Un dos máis curiosos consistía en encher o rodo de auga para representar batallas navales.
Tamén se organizaban pelexas de animais salvaxes (leóns, panteras, elefantes) que eran traídos desde lugares afastados, ás persoas prisioneiras obrigábanas enfrontarse a estas feras.
Os espectáculos principais eran as loitas de gladiadores. A maioría das persoas que combatían eran homes e tamén mulleres, obrigábanos a pelexar entre eles e elas, estas persoas eran escravas e prisioneiras ás que se obrigaba a esta actividade, unha parte importante morrían nas pelexas e eran retirados pola porta da morte a un lugar onde eran espoliados.