Translate

24/04/15

Santo Estevo de Ribas de Miño

A Igrexa  de  Santo Estevo de Ribas de Miño, está situada no concello de  O Saviñao - Lugo, moi preto do Río Miño, entre viñedos pertencentes a "ribeira sacra do Miño". Foi construída a mediados do último terzo do s. XII, a súa construción relacionase coa obra do Mestre Mateo. Ten unha única nave, muros de cadeirado granítico con contrafortes exteriores e cuberta a dúas augas. A fachada ten unha porta abucinada enmarcada por arcos de descarga en forma de portas, un rosetón e un "gardachoivas" de arcos. Catro arquivoltas enmarcan a portada en directriz de medio punto, no interior desta atópanse sete figuras, sedentes, con instrumentos, a segunda das arquivoltas decórase con duas baquetas con escocia chea de cuñas, a terceira presenta un dobre trenzado e a cuarta un baquetón anelado con talos e unha flor. A parte exterior do conxunto, apoiado en catro pares de columnas acodilladas con fustes marmóreos e capiteis traballados. Unha faixa lombarda percorre o aleiro con adornos de cabezas humanas e animais. No interior conta con retablos do S XVII asi como figuras esculpidas en madeira e en pedra.
Está declarada Monumento Nacional de carácter histórico-artístico. 

Deste lugar parte a ruta "Ribeira Sacra do Miño", que transcorre entre viñedos e ofrece unhas vistas espectaculares do conxunto da ribeira e do Río Miño.

 

18/04/15

Médulas, O Bierzo, Minas Romanas

Médulas, O Bierzo, Minas Romanas. Os custos que supuxo manter o imperio Romano, a cobiza de persoas que coma hoxe se mantén, unha mostra é o intento de minas de Corcoesto, levaron ata As Medulas miles de soldados, escravos e ata asalariados, da orde de uns 11000, para arrincar da terra arxilosa o ouro, metal de maior importancia especulativa que utilidade industrial.
Segundo estudos a primeira explotación levouse a cabo de forma artesanal, con batea, é dicir, extraendo, limpando e cribando as areas nas que se atopaban as pebidas auríferas, que despois eran lavadas cunha batea. Pero a explotación masiva e a que deixou os restos que hoxe podemos ver levouna a cabo o imperio romano. Para a extracción do ouro, a través de canles, moitos deles escavados en rochas e que chegaron a alcanzar mais de 100 km, transvasaron auga dos ríos Douro e Sil, esta auga era almacenada nuns depósitos desde os que se botaba sobre as galerías, previamente escavadas na montaña, aínda hoxe podemosmos percorrer algunhas delas abandonadas sen derruír,  esta auga producía o derrube da montaña, arrastrando a terra, pedras, e o ouro, todo mesturado, que conducían ata a denominada canle de lavado, onde o ouro quedaba depositado nos filtros compostos por toxos e xestas.

11/04/15

Mosteiro de Pesqueiras

Mosteiro de Pesqueiras  situado na parroquia de Sta. Mª de Pesqueiras, Chantada. Este mosteiro atópase situado nunha paraxe de soutos centenarios, moi preto do encoro de Belesar. Poida que o nome desta igrexa monástica este en relación cunha arte de pesca bastante estendida non curso medio-baixo do río Miño: a pesqueira, ou tamén chamado caneiro.

A igrexa consta dunha nave divida en dous tramos un deles apoiado en contrafortes exteriores. O teito é de madeira, recentemente restaurado. A ábsida presenta un arco triunfal con peche nos salmares, columnas nunha orde, capiteis de fitaría e imposta sinxela que discorre polo testeiro. Tamén presenta unha fiestra de medio punto con columnas apoiadas por riba do arco de acceso.





Son de grande valor artístico as pinturas murais do interior entre as que atopamos diversas escenas bíblicas: pasaxes referentes á Resurrección dos mortos, a Anunciación da Virxe, a imaxe de María co Neno (século XV) ou a Resurrección de Cristo.                     
Pero a verdadeira xoia escultórica do templo estaba na talla de Santa María de Pesqueiras; totalmente románica, hierática e sedente, posuía un grande valor artístico, desta consérvase unha copia dado que a orixinal perdeuse nun incendio que asolou a igrexa nova de Pesqueiras a onde fora trasladada.







04/04/15

Castelo de Pambre

O Castelo de Pambre está situado no alto dun acantilado, polo tanto fácil de defender, á beira do río Pambre, nun dos tramos de máis beleza. É un exemplo de arquitectura militar medieval de Galicia. Foi construído por Gonzalo Ozores de Ulloa en torno a 1375. De planta cadrada, e cercado por unha muralla de planta irregular que se adapta ao terreo. Os muros son de cachotería e cantaría de granito. O edificio central está formado por unha a torre, de planta cadrada, flanqueada por outras catro de menor tamaño, tamén cadradas, e que se localizan en cada un dos ángulos da torre maior e comunicadas entre si por unha muralla. Accédese ao patio interior por un portalón adintelado practicado na muralla. Os irmandiños non foron capaces de derrubalo. Baixando ata o río atopamos unha ponte e os restos duns muíños. Subindo río a riba podemos ver os restos dunha minicentral eléctrica, situada á altura do castelo.