Translate

31/03/17

REDES, ARES



A vila mariñeira de Redes, concello de Ares, está rodeada polo mar, as súas casas pintadas de cores diferentes, moitas de claro estilo modernista, teñen o mar tan preto que aparece por calquera oco ou balcón das súas rúas.

Unha característica desta vila, que comparte con outras vilas de Galiza, é que cada casa situada preto da auga ten, a parte que dá ao mar, unha escaleira que leva á praia, onde están ancorados os barcos cando a marea sobe, cando esta baixa os pequenos barcos quedan varados na area.


Destacan unhas estruturas de madeira, situadas nas praias, que se utilizan para secar as redes, utilizadas polas persoas que van á pesca.

Partindo da praza de redes e dando un paseo pola Rúa Nova chegase ao club náutico e a punta do Castelo, onde aínda se poden ver os restos dun castelo defensivo, tamén se poden contemplar as vistas da ría, a ponte do ferrocarril Coruña-Ferrol, a praia de Cabanas e costa de Pontedeume.

Para ver as fotos pincha aquí.

Para ver o vídeo pincha aquí.




28/03/17

Seavia, Coristanco, Bergantiños


 

Seavia é unha parroquia do concello de Coristanco, comarca de Bergantiños, nela sitúanse lugares con grande significación, artística, histórica e paisaxística.
 

Un dos lugares é o lugar de Nogueira onde se sitúa a "Torre de Nogueira'', xunto coa casa anexa, forma parte dun antigo pazo construído pola familia Bermúdez de Castro no século XV.

Esta Torre está declarada BIC, é unha das mostras máis representativas da arquitectura civil medieval da comarca de Bergantiños.

Orixinariamente existían dúas torres hoxe só se conserva unha, engadida aos restos do que foi o corpo principal do pazo.

A Igrexa de Seavia é un dos templos máis importantes do municipio de Coristanco. A súa orixe é medieval como se pode ver nos canzorros románicos das paredes laterais así como nun rosetón. Nunha banda da súa fachada situaron unha torre campanario barroca. Esta igrexa orixinalmente formaba parte dun antigo mosteiro.


No adro da igrexa de Seavia atópase un mural adicado a Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, feito polo artista Miguel Anxo Calvo, “O Mighelo”, esta veciña do lugar de Sergude, foi poetisa, escultora, labrega, muller de Bergantiños.

Magoa que o seu museo non estea mellor indicado, con horario publico de visitas.

          Unha mostra da súa poesía:
                            Nas noites longas de inverno
                            boas fartas me pegaba,
                            escribindo neste libro
                            sentada na miña cama.


                           Con traballos e desvelos
                           escribín este libriño
                           para lle deixar de regalo
                           ós fillos de Bergantiños.


Para ver as fotos pincha aquí:


Para ver o vídeo pincha aquí:  
 


15/03/17

Mosteiro de Vilar de Donas




Mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas. De estilo románico, como se pode ver, planta de cruz latina, a súa portada e a triplo cabeceira. 

A fundación atribúese Airas Peres, aínda que unha lenda conta que se debe a un grupo de mulleres da familia de Arias de Monterroso, aparecen representadas nas capelas da nave maior. De aí viría o nome de Donas. 

As orixes datan do século XII. No mesmo século, foi doado á orde de Santiago no ano 1148. A igrexa foi construída no ano 1224, segundo unha inscrición situada no cargadeiro da portada sur.

A súa fachada componse dunha portada dividida por dous contrafortes. As arquivoltas atópanse decoradas con iconografía da época románica. De costado á portada construíuse, posteriormente, o claustro do mosterio do que hoxe só quedan uns arcos. 

No interior da igrexa atópanse túmulos, onde se enterraron cabaleiros de Santiago no século XII. destacan as pinturas góticas que decoran o altar maior,  nestas represéntanse motivos relixiosos. Estes frescos foron creados para conmemorar o ano santo xacobeo do 1434. Atópanse, tamén, esculturas góticas e retablos de pedra. 

Para ver as fotos pincha aquí

Para ver o vídeo pincha aquí

09/03/17

Feira en Vila Nova de Cerveira


Vila Nova de Cerveira, é unha vila situada na rexión norte de Portugal, na Ribeira do Río Miño con grande actividade artística. Está situada na ruta portuguesa do Camiño de Santiago.

Ao longo da ribeira do Miño atópase unha Ecopista, unha proposta de Vila Nova de Cerveira, para recuperar a contorna e crear un espazo natural. É un longo paseo que vai desde a Praia da Lenta ao Parque de Lazer do Castelinho e a Praia dá Mota.

Este paseo está separado da vila e da feira pola vía do tren, esta pode cruzarse por distintos pasos situados por debaixo da vía.


Un dos puntos de interese desta vila é a súa feira que se celebra todos os sábados. A feira ou  mercado está dividido en rúas onde adoitan predominar unha serie de produtos, calzado, roupa, vaixelas, plantas e árbores froitais, móbeis, zocos, ferramentas, útiles de labranza, e todo un sin fin de produtos. 
postos de froitas e verduras están situados no mercado de abastos da vila, situado nun lateral do campo da feira.



Para ver as fotos pincha aquí


 Para ver o vídeo.
 

04/03/17

Modernismo en Compostela


Modernismo en Compostela. O modo construtivo chamado Modernismo tardou en chegar a Galicia, e chama a atención que fose en Compostela, cidade con un peso moi importante da igrexa e polo tanto conservadora, que se opuxo ao modernismo por ser un arte no que se reflicten modos de vida relaxada, pracenteira e de influencias estranxeiras.

Foi o arquitecto López do Rego quen realizou, en 1905, dous dos primeiros edificios modernistas de Galicia: o edificio número 6-8 do Preguntoiro, e a vivenda para o escultor Ramón Núñez, no 10 de Tras do Pilar.

Durante os anos seguintes esta nova maneira de facer a Arquitectura foi deixando as súas pegadas en Compostela. Foron edificios encargados por profesionais liberais, artistas ou comerciantes, que se identificaban con esta nova maneira de expresión. Sen chegar a ter o reflexo que tivo nunha Cataluña máis industrial e polo tanto liberal.


As mostras máis destacadas deste estilo construtivo en Compostela son: 
"Pavillón de Recreo Artístico e Industrial" para a Exposición Rexional Galega de 1909 (hoxe escola infantil Santa Susana), na Ferradura.  A vivenda do nº32 de O Pombal. As vivendas do Preguntoiro nº6-8. Das casas Reais nº19. A vivenda para o escultor Ramón Núñez, no nº10 de Tras do Pilar. A derruída sede do Castromil, na praza de Galicia. E todo un conxunto de vivendas onde se nota a influencia desta corrente artística.

Se queres ver as fotos pincha aquí 


Se queres ver o Vídeo pincha aquí