Translate

28/06/13

Baldaio, complexo

O complexo natural de Baldaio está composto por unha serie de elementos "bio-diversos" ben diferenciados: unha enorme praia oceánica, perigosa para o baño, pero moi interesante para recorrer a pé, deixándose perder entre o mar e as dunas de area. Esta cadea de dunas ofrece, no seu seo, currunchos onde gozar de intimidade.
Na lagoa interior pódese desfrutar dun baño en auga salgada sen risco de correntes mariñas, agás no canal de entrada. Neste espazo interior poden contemplarse unha gran variedade de aves de paso así como un conxunto de vexetación de marisma e autóctona, do maior interese.
Cámpings e restaurantes completan unhas posibilidades de leceres, moi necesarios.
Preto da lagoa, parroquia de Lema, está a casa onde viviu o que fora famoso humorista: Carlos "O Xestal"

23/06/13

De Oseiro a Caión

Oseiro é unha poboación do concello de Arteixo, rodeada de zona industrial, onde naceu Manuel Murguía. Indo cara o sur-oeste atopamos a ponte romana dos Brozos. Seguindo pola veira do mar, unha senda lévanos ás praias de Barrañán, a primeira delas nudista. Continuando pola costa sorpréndenos a vila de Caión.

 

14/06/13

Camariñas

Camariñas é un lugar situado ao final dun traxecto, non queda de paso nada mais que a unha vivencia especial, ao que se chega porque si, porque un quere descubrir o que hai mais aló, porque un pode atóparse con un mesmo a caron do océano inmenso. O tempo conxelado, as retinas cheas de sorpresas, a vivencia noutro espazo. Cada vez que vou agárdanme novas sorpresas.

08/06/13

Fisterra, porto, lonxa

Antes de chegar ao faro de Fisterra, situado no cabo do mesmo nome, atopamos a poboación de Fisterra, lugar con longa tradición mariñeira e tamén mítica.Ocupado por; celtas, fenicios, romanos e todos os que atoparon estas terras nos seus camiños do mar. A lonxa, onde os mariñeiros venden o peixe que lles custou traballo sacar do mar, amosa unha mostra das múltiples formas de vida submarina. Estas remotas terras son un bo sitio para perderse e desconectar do ruidoso mundo urbano.

04/06/13

Faro de Fisterra, posta de sol

Comeza o espectáculo cunha vista do Monte Pindo, situado cara o leste, dende o que os Deuses ollan o fin do mundo.
O faro de Fisterra alumea este confín do Atlántico dende 1889. Está situado no promontorio que os romanos chamaron territorio Nerio. A posta de sol dende este lugar é un dos espectáculos naturais que mais impresionan.