Translate

26/08/13

A Marola, Seixo Branco

Seixo Branco está dentro do espazo natural Costa de Dexo, que ocupa o tramo costeiro comprendido entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, dende este punto podemos contemplar as entradas das rías de Ares, Betanzos e A Coruña, no denominado Golfo Ártabro.
É un espazo natural de gran riqueza biolóxica, declarado Monumento Natural no ano 2000 e recoñecido como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria. Está integrado dentro da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.
A perspectiva panorámica na súa proximidade permite contemplar o cabo Prior, a ría de Ares e a cidade da Coruña, coa Torre de Hércules. Tamén se divisa dende el o illote coñecido como A Marola, que inspirou o refrán mariñeiro "Quen pasou A Marola, pasou a mar toda", facendo referencia á bravura do mar nesta zona da costa.

18/08/13

Castiñeiros no Courel

Alí están,os Castiñeiros, coma hai moitos séculos, dando ese froito tan noso e saboroso, esa madeira tan especial, pelexando pola subsistencia, entre un pasado pleno e un futuro incerto. Apostemos pola súa madeira e polo seu froito. Apostemos por nos.

13/08/13

Portas no Courel

Portas vellas no Courel, polas que entraron e saíron tantas veces as ilusións, as ganas. Entrou a xeada o sol e o frío, tamén a soidade, a fame e co tempo, pouco a pouco, todo se foi esvaendo e só quedou o baleiro. Tamén quedou a paisaxe e algúns resistentes e Martiño.

06/08/13

Praia das Catedrais Ribadeo (Praia de Augas Santas)


Se queres ver as fotos pincha aquí

Se queres ver o vídeo pincha aquí



Esta praia, chamada das Catedrais, está situada na costa norte de Galiza, preto de Ribadeo. Está ben sinalizada.

No verán acude moita xente a bañarse e a contemplar as formacións rochosas, orixinadas pola erosión.

A area é moi fina e de cor amarela, se a contemplamos a ultima hora do día, cando o sol está a punto de deixarnos polo horizonte.

Hai que descender por unhas escaleiras. A praia estendese tanto ao oeste, tramo mais corto, como ao leste, tramo mais longo.

Unha vez situados ao pé destas ciclópeas formacións un ten a sensación de camiñar entre xigantes pétreos, algúns semellan contrafortes aguantando do imposible, arcadas coma arquivoltas, covas e recunchos onde perderse e, se é posible, atoparse.

Debe visitarse con marea baixa, isto permite contemplar toda a extensión da praia. Na páxina de meteogalicia informan dos horarios das mareas. En determinadas épocas do ano é preciso solicitar permiso á xunta de Galiza para acceder, dada a gran afluencia de persoas.