Translate

25/08/17

Subida ao Monte Pindo





Unha das subidas ao Monte Pindo parte de detrás da igrexa do Pindo, fronte a praia de San Pedro, a distancia da subida é duns 10 Km, o camiño está sinalizado e marcado, a dificultade  é media alta, o ascenso desde o nivel do mar ata a Croa é de aproximadamente uns 600 metros. O ascenso prodúcese a través dun sendeiro abrupto e moi irregular, a duración depende da forma física de quen camiñe pero tomando con calma pode durar 5 ou 6 horas. A xente que está en forma faino en menos de 4 horas. 

O Pedrullo e Castelo de San Xurxo, a 250 metros de altitude, sitúase nun outeiro cheo de pedras, restos dun castelo do ano 900, que tiña por función vixiar a chegada de barcos viquingos á costa.   

Un pouco máis arriba está o miradoiro de Chan das Lamas, zona chan como indica o nome, por onde pasaba un antigo camiño que comunicaba a vila do Pindo coa antiga parroquial de san Mamede. Desde esta posición existen unhas boas vistas da costa.

O camiño segue e o ascenso vaise facendo cada vez máis pronunciado. A uns 500 metros atopamos unha chaira é o val de San Lorenzo. Aquí en tempos da II Guerra Mundial, houbo unha pequena explotación de volframio. Pódese divisar a praia de Carnota.
A todo o longo do camiño atopamos multitude de figuras esculpidas en pedra pola erosión e a natureza, e que espertan a imaxinación.

Para chegar á Moa hai que atravesar unha das murallas que a rodeaba que puido ser construía polos anos 500 ou 600. A carón desta muralla, a Raíña Lupa estaría enterrada cos seus sete millóns de ouro na cabeza e outros sete millóns aos pés, segundo conta a lenda. 

A cima ou Croa é o pico máis alto de toda a redonda o que permite unhas vistas espectaculares, tanto da costa como do interior. Cara ao norte, podemos ver o embalse de santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña; ao sur o val e a praia de Carnota, cara ao oeste, o cabo Fisterra, o océano, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras. Moi preto queda a desembocadura do Ézaro, fervenza moi reducida pola canalización da auga a unha central eléctrica. É de destacar que os montes do arredor están ciscados de xeradores eólicos, que rompen a amonía e xeran ruídos.

A Asociación Monte Pindo reclama a máxima protección deste enclave natural e histórico como “Monte Pindo, Parque Natural”, unha medida que demandan masiva e unanimemente comunidade científica, entidades sociais e sociedade.

Se queres ver as fotos pincha aquí

Se queres ver o vídeo pincha aquí




Ningún comentario:

Publicar un comentario