Translate

02/12/16

Mosteiro de Alcobaça, centro de Portugal




O Mosteiro de Alcobaça é contemporáneo á fundación de Portugal, moi ligado á súa historia. Fundado polo primeiro rei de Portugal, D. Afonso Henriques, naceu da doazón das terras de Alcobaça á Orde do Cister, despois de vencer aos árabes na conquista de Santarém.

Foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1989, é un exemplo de arquitectura do Cister. Estes monxes foron difusores de diversos coñecementos e técnicas, fundaron unha escola pública e difundiron distintas técnicas, entre outras as agrícolas.

Malia ós seus case 900 anos, conserva intacto o conxunto das dependencias medievais, a súa igrexa é a maior en estilo gótico primitivo construída en Portugal na Idade Media.
 

A fachada conserva orixinais o pórtico, estilo gótico, e as estatuas de San Bento e de San Bernardo. O resto da fachada é de estilo barroco xunto coas torres do campanario, engadidas no s. XVIII.

Ao entrar na igrexa impresiona a gran nave central, sen adornos. No centro de cada brazo do transepto están situadas dúas obras principais da escultura medieval, os sepulcros de D. Pedro I (1357-67) e de D. Inés, situados fronte a fronte para que se poidan reencontrar de novo o día da Resurrección, desexo de D. Pedro.


D. Pedro I e D. Ines foron dous exemplos de amor romántico con final tráxico, trasladados máis tarde á literatura.

Inés Pires de Castro, nada no reino de Galicia sobre 1320 na comarca da Limia e finada o 7 de xaneiro de 1355 en Coímbra, foi unha nobre galega amante e ao mellor esposa do futuro Pedro I de Portugal, foi executada por orde do pai deste, Afonso IV.

Inés de Castro chegou a Portugal en 1340, integrada no séquito de Constanza Manuel, que ía casar co príncipe Pedro, herdeiro do trono portugués. O príncipe apaixonouse por Inés pouco tempo despois, desatendendo a muller lexítima, Constanza, e pondo en perigo as débiles relacións con Castela.

Dado que foi un romance vivido ás claras, o rei Afonso IV, pai de D.Pedro, manda exiliar a Inés no castelo de Albuquerque, na fronteira española en 1344. Esta distancia mantivo aceso o amor entre estes dous amantes. Nese ano morre Constanza e Pedro xuntase con Inés, de volta do exilio, e van a vivir xuntos lonxe da corte, teñen catro fillos.

O rei Afonso IV ordena a morte de D. Inés, aproveitando a ausencia do príncipe Pedro, o feito ten lugar no Mosteiro de Santa Clara en Coimbra, onde se atopaba Inés. A morte de Inés fixo que Pedro se revolvese contra Afonso IV, ao que responsabilizou da súa morte, isto provocou unha guerra civil.

Co ascenso ao trono de Portugal de D. Pedro, foi o oitavo rei de Portugal en 1357. Perseguiu e doulle morte aos executores de D. Inés.
 

Pedro mandou construír dous espléndidos túmulos no mosteiro de Alcobaça, un para si e outro para depositar os restos da súa amada Inés. D. Inés foi coroada raíña de Portugal, despois de morta, por D. Pedro I.
Se queres ver as fotos pincha




Ningún comentario:

Publicar un comentario