Seavia é unha parroquia do concello de Coristanco, comarca de Bergantiños, nela sitúanse lugares con grande significación, artística, histórica e paisaxística.
Un dos lugares é o lugar de Nogueira onde se sitúa a "Torre de Nogueira'', xunto coa casa anexa, forma parte dun antigo pazo construído pola familia Bermúdez de Castro no século XV.
Esta Torre está declarada BIC, é unha das mostras máis representativas da arquitectura civil medieval da comarca de Bergantiños.
Orixinariamente existían dúas torres hoxe só se conserva unha, engadida aos restos do que foi o corpo principal do pazo.
A Igrexa de Seavia é un dos templos máis importantes do municipio de Coristanco. A súa orixe é medieval como se pode ver nos canzorros románicos das paredes laterais así como nun rosetón. Nunha banda da súa fachada situaron unha torre campanario barroca. Esta igrexa orixinalmente formaba parte dun antigo mosteiro.
No adro da igrexa de Seavia atópase un mural adicado a Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, feito polo artista Miguel Anxo Calvo, “O Mighelo”, esta veciña do lugar de Sergude, foi poetisa, escultora, labrega, muller de Bergantiños.
Magoa que o seu museo non estea mellor indicado, con horario publico de visitas.
Unha mostra da súa poesía:
Nas noites longas de inverno
boas fartas me pegaba,
escribindo neste libro
sentada na miña cama.
Con traballos e desvelos
escribín este libriño
para lle deixar de regalo
ós fillos de Bergantiños.
Para ver as fotos pincha aquí:
Para ver o vídeo pincha aquí:
Ningún comentario:
Publicar un comentario