18/09/15

Pisa, Toscana

Pisa, Toscana. Está situada á beira do Mar Tirreno, é atravesada polo río Arno, o mesmo que pasa por Florencia, e que Maquiavelo, cun proxecto de Leonardo da Vinci, tentou desvialo e separalo de Pisa. É a cidade natal de Galileo Galilei. Foi fundada no S.V a.C. polos etruscos, e desde o S.III a.C. foi aliada de Roma. No ano 180 a.C. converteuse en colonia romana, pasando a ser unha importante base naval, chamada Portus Pisanus. No S.XII, grazas á súa participación nas Cruzadas, converteuse no principal centro de comercio co Mediterráneo oriental. O seu declive comezou en 1284 trala derrota da súa flota en Meloria a mans dos xenoveses. En 1405 tras un longo asedio, foi conquistada por Florencia.
No centro da cidade atópase a Piazza dei Cavalieri, un lugar que recibe o seu nome pola sede da orde do mesmo nome, fundada no século XVI para defender as costas do Tirreno dos ataques de piratas sarracenos. Pódense ver varios pazos: Palazzi degli Anziani, unha construción do século XI que albergaba a sé dos representantes do Goberno de Pisa. A torre do Orologlio, antiga prisión, é o escenario dun dos pasaxes da Divina Comedia de Dante Aligheri.  
Na Piazza dei Miracoli atópanse os monumentos mais importantes de Pisa: Torre inclinada, foi declarada en 1987 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, é o campanario do Duomo, catedral. Ten 55 m. de altura é caracterízase pola súa inclinación de 5º 30' (4,20 m.) e pola súa decoración claroscura. Na sala da campá, Galileo realizou os seus experimentos sobre a gravidade.
A súa construción foi iniciada en 1173, pero tivo que ser interrompida cando ía pola terceira planta, debido ao afundimento do terreo no que está asentada, en 1350 rematou a súa construción, despois de corrixir o deseño e facela máis lixeira. No S.XVI consolidouse a base, pero continuou a inclinación, ata tal punto que en 1990 a torre foi pechada ao público, porque se inclinaba 1,18 milímetros anuais.
No 2002 volveu abrirse ao público tras endereitala 39,60 centímetros. A técnica empregada foi a extracción da terra situada baixo o "campanille", na parte oposta á da súa inclinación, para logo deixar caer o edificio sobre o oco creado.
Outro dos edificios da praza é o Duomo, catedral, esta empezou a construírse
logo da vitoria sobre os sarracenos en 603 en Palermo, destinouse o botín de cinco navíos para a súa construción, rematouse no 1122, sendo a máxima expresión da arquitectura románico-pisana. A fachada está decorada con catro niveis de galerías de pequenas columnas.
Tamén se atopa nesta praza o Baptisterio, Construído en 1152, ten a mesma altura que a torre inclinada. A súa planta é circular de 35,50 m. de diámetro e está cuberto por unha cúpula piramidal de oito lados, coroada por unha estatua de San Xuan Bautista. No exterior está percorrido por unha galería de columnas e elementos decorativos gótico-floridos, que fan xogo coa estrutura do Duomo.
Resulta curioso como os turistas se empeñan en endereitar a Torre, fotograficamente, claro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario