17/07/15

Velas e exvotos no Corpiño

O devir  anual da vida do pobo ben marcado por unha serie de acontecementos sociais civís e relixiosos, feiras, festas e entre outras, as romarías onde se desenvolve unha rica cultura espiritual que se expresa nunha artesanía variada, como á da cera e a das migas de pan e outras.
Nos santuarios, coma neste do Corpiño, entréganse velas e exvotos de cera virxe de abella, de parafina, de estearina, de sebo e con mecha de algodón. As velas poden ser de varias formas  lisas, rizadas, labradas, coloreadas, pintadas, as mais frecuentes están sostidas nunha especie de contedor de plástico.
Os exvotos, figuras de cera, son reproducións completas ou parciais da parte do corpo que sofre a doenza: cabeza, brazo, tronco...ou reproducións de animais enfermos: cabalos, vacas, porcos, ovellas…
Os exvotos, como afirman moitos autores, son portadores dunha simboloxía máxico-relixiosa coa reminiscencia primitiva de ofrecer sacrificios e sufraxios ás divindades como agradecemento, expiación ou promesa. Tales prácticas foron cristianizadas máis tarde.

A virxe do Corpiño din que é avogosa, sobre todo, para quitar o meigallo, nome que se lle dá certos comportamentos psicolóxicos anormais.
  

Dentro do ciclo anual da vida, a devoción popular manifestada nas festas e romarías desenvolve unha rica cultura espiritual, sustentada nunha artesanía variada, como a de cera e a de migas de pan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario