Translate

28/06/15

Pitões dás Júnias

Pitões dás Júnias é un dos pobos situados a maior altura de Portugal, esta vila pertence ao concello de Montalegre, no distrito de Vila Real,  dentro do Parque Nacional Peneda-Gerês, moi perto da Raia e polo tanto de Galiza .
A súa orixe está relacionada coa fundación do Mosteiro de Santa María de Junia, do século XII, construído sobre unha ermida prerrománica do IX. Este mosteiro puido exercer unha función de apoio aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela, aínda que a documentación existente é moi escasa o que dificulta o coñecemento da súa historia.

O pobo mantén o seu aspecto antigo, conservando os edificios de pedra nas súas rúas de armazón medieval. Aínda é posible observar algunhas pallozas típicas con teitos de palla e gozar da súa arquitectura tradicional, exemplos son o Forno comunitario, que aínda hoxe está en uso, un museo etnográfico móstranos as diversas actividades que realizou e aínda realiza a poboación da vila, Un muíño restaurado, tamén comunitario, indícanos como se realizaba a labor da muiñada.
Existen na localidade outros edificios relixiosos de interese como A Igrexa barroca de San Rosendo, ou as capelas do Anxo Custodio e de San Juan da Fraga.
Moi preto da aldea sitúase o Mosteiro de Santa María de Júnias, do camiño que leva ao mosteiro, pouco antes de chegar a este, sae un ramal que leva á fervenza que leva o mesmo nome da poboación, o acceso ao miradoiro dende o que se ve esta fervenza faise a través dun pasadizo de madeira de máis de 200 escaleiras, este enclave deu orixe a múltiples lendas da zona.



21/06/15

Pola Raia, Couto Mixto


A carón da Raia con Portugal sitúase o Couto Mixto, foi unha República Galega esquecida, o escritor LUIS MANUEL GARCÍA MAÑÁ recupero a súa memoria remexendo nos arquivos galegos e nos de fóra. As orixes do Couto Mixto teñen similitude coas de Andorra, a sorte histórica dos MIXTOS non foi a mesma, o Couto Mixto foi abolido por unha Lei de Lindes no ano 1864.
Hoxe, a poboación destas tres parroquias, MEAUS, SANTIAGO E RUBÍAS, está leda deste pasado. Estes territorios arraianos están asentados entre Galicia e Portugal e son considerados como zonas de montaña en ámbolos dous países, case tódalas súas aldeas están situadas entre os 850 e os 1000m de altitude. Este territorio está situado no término municipal de Calvos de Randín, nunha planicie na que abundan ríos e regatos que crean as condicións para que xurda unha vexetación variada e abundante, tamén alimentan o encoro de Maus de Salas, moi preto deste atópanse dous Dolmens, A Casiña da Moura e A Casola do Foxo.
Moi cerca, o outro lado da Raia, sitúase o pobo portugués de Tourén, a poucos quilómetros atopamos a vila medieval de Montealegre, presidida polo seo castelo. Cerca, tamén, da fronteira atópase a vila de Pitoes das Júnias, conxunto rural de moito interese, os restos dun mosteiro e unha fervenza son lugares a visitar. 

12/06/15

Alfombras florais en Bueu


Alfombras florais de Bueu, o mesmo que en outras localidades de galiza, esta práctica está ligada ás celebracións relixiosas coma a do Corpus, podería situarse a finais da década de 1940 e cara a 1950, dado que, no caso de Bueu, asfáltase  a rúa Ramón Bares que ata entón era un camiño de terra. Ao longo das seguintes décadas foise configurando a festa tal como se coñece hoxe. Ademais de pétalos utilízanse moitos outros produtos vexetais, como trigo ou centeo e mesmo sal de cores.
Outra das tradicións de Bueu era o desfile de carrozas, mentres existía a antiga carpintería da fábrica de Massó, hoxe desaparecida. 
En lugares coma Ponteareas a orixe relacionase coa enchedura das fochancas das rúas polos veciños con pétalos de flores. 

05/06/15

Da Lagoa de Traba de Laxe a Camelle

Para ir da Lagoa de Traba a Camelle hai un camiño que parte da aldea de Mórdomo e que chega a praia de Camelle. Este camiño vai á veira do Espazo Protexido dos Penedos de Traba e Pasarela, un dos espazos naturais menos modificados do litoral de Galicia e que forma parte do tramo que vai dende Laxe ó Cabo Vilán. O Camiño vai pola costa onde se poden ver fermosas praias de coídos, de diverso material granítico, un deles é o da Señora de Sabadelle. Estes coídos están no único tramo de costa con que conta o concello de Vimianzo. Tamén podemos atopar diversa flora de ribeira, corredoiras e un pequeno piñeiral.
Este espazo natural estivo en perigo de modificación polo proxecto de instalación dunha piscifactoría, preto de Camelle. 

 

29/05/15

Dolmen de Pedra da Arca de Regoelle

Dolmen de Pedra da Arca de Regoelle. Este dolmen atópase no municipio de Vimianzo, cerca de Dumbría, no lugar coñecido como Regoelle. O dolmen encóntrase a unha altura de 318 metros, situado nunha chaira. Os antigos habitantes da nosa terra adoitaban elixir estas localizacións chairas e lixeiramente elevadas para os seus enterramentos. A antigüidade será do terceiro milenio antes de Cristo.



A Pedra dá Arca conserva boa parte das lousas orixinais. A cámara principal é poligonal e mantén cinco grandes laxes que sosteñen unha gran lousa ovalada. Unha das lousas verticais conserva unha pequena decoración en forma de gravados. O dolmen conta con corredor de acceso que se divide en dous tramos cubertos con sendas lousas. O dolmen encóntrase sinalizado, o acceso é por unha pista de terra. Cabe destacar a toponimia do lugar relacionada con este monumento megalítico, nomes como: Pedras do Altar, Casa dá Moura, Pedra dá Arca ou Gándara da Osa. Nesta zona existen outros moitos dolmens e castros.





Coordenadas do dolmen:

42°58'09.6"N 9°04'12.1"W

23/05/15

Río Barosa, paraxe natural

Parque natural do Río Barosa. Neste lugar combínanse a natureza e a arquitectura popular. Auga a cachón polas pedras abaixo, un conxunto de muíños e a vexetación exuberante da zona únense para formar un conxunto ordenado de natureza e traballo das persoas. Está situado preto da estrada N-550, no tramo que une Caldas con Pontevedra, no km 104, coordenadas (42.555534, -8.631105). O parque está presidido por unha fervenza de mais de 60 m de caída, un conxunto de catorce muíños de auga, dispostos ao longo das fervenzas forman un complexo particular no que a mesma auga vai movendo os distintos muíños na súa caída. Paralelo as fervenzas discorren unhas pequenas rotas de subida e de baixada pola ribeira. Durante o percorrido podemos atopar sorpresas como un grupo de gansos que nos pararon polo camiño, poñéndose moi serios. 
A zona está acondicionada como área recreativa, mesas, fontes, grelladas e servizos. Dispón dun bar restaurante, situado nun dos muiños. 

Encanto a flora predominan os amieiros, carballos, piñeiros e eucaliptos.

16/05/15

17 de Maio 2015, Vivamos e desfrutemos en galego



17 de Maio, un ano máis temos que reivindicar o uso e a dignidade para a nosa lingua, tamén temos que recordar que non temos que pedir desculpas por ser galegas/os e usar a lingua que nos é propia. Temos que enchernos de orgullo por vivir onde vivimos, coas fiestras abertas ao mundo pero dende as nosas paisaxes da nosa historia da nosa maneira propia de ver o mundo.
Temos que manter a nosa lingua porque nos permite comunicar os nosos afectos as nosas arelas os desexos máis fondos tamén os medos e as incertezas. Debemos usala en todos o ámbitos da nosa vida, válenos para comunicarnos na casa na escola na medicina no comercio na fábrica e nos soños.
Este 17 de maio no que nos queren traer escuros agoiros do pasado, temos que dicir, queremos futuro de liberdade, días claros e gozosos non vellas traizóns.
Ás persoas que optaron por adiar para máis adiante a reivindicación da nosa lingua e da nosa maneira de estar no mundo, temos que dicirlle que quen vive fora da súa realidade non pode entender e coñecer o terreo que pisa e ten que vivir unha existencia sen pertenza a ningún sitio e a ningunha realidade e, polo tanto, depende das correntes cambiantes e dos intereses espúreos de cada momento.
Vivamos e desfrutemos en galego. 
 

10/05/15

Pazo de Sabadelle, Chantada

Pazo de Sabadelle(Casa do Pacio), preto de Chantada. Edificio do século XVIII de planta cadrada. Na fachada principal, denominada Porta Nova, hai dous escudos de armas onde están representadas as familias de Juan López Varela e Isabel Mosquera Ulloa. A entrada principal dá acceso a un patio interior en forma de claustro con solaina e corredor decorado cunha balaustrada de pedra. Ao norte conta cunha pequena capela e un terceiro escudo de armas. Esta é a parte máis antiga do pazo, sorprende o corredor con balaustrada de madeira. A poucos metros da vivenda atópase o hórreo pertencente ao pazo.

Actualmente o Pazo de Sabadelle é unha explotación dedicada á produción ecolóxica de carne de becerro, raza pura rubia galega, años e capóns. Outros produtos de horta que cultivan son, leitugas, cebolas e remolachas.
A poucos quilómetros deste lugar podemos atopar Igrexas-mosteiro, orgullo das persoas que traballaron na súa construción, como as de Santo Estevo de Ribas de Miño ou a de Santa María de Pesqueiras, moi preto do Pazo.
As paraxes dos arredores, fermosas vistas sobre as ribeiras do río Miño, carballeiras, paisaxe agrario en plena produción, etc.
Por todos estes motivos merece a pena unha parada neste pazo, 0nde atende,  con moita amabilidade, Xosé,  que sempre ofrece aos amigos comida e pousada, incluíndo un apetitoso pratado feito con pito de Mos, da súa autoría.