Translate

Amosando publicacións coa etiqueta fervenzas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta fervenzas. Amosar todas as publicacións

19/02/16

Fervenzas de Raxoi e Muíños de Parafita

Fervenzas de Raxoi e Muíños de Parafita no río Valga, este  nace nos Montes Xesteiras e vai cara ao oeste, pasa aos pés da Capela dos Mártires. Logo de Raxoi bordea unha montaña e diríxese cara á o norte formando unha "V". 

Entre Raxoi e Parafita o río entra nunha zona rochosa que o encaixa e faino descender 50 metros nunha distancia de tan só 200 m. O Valga xunta as augas do Rego dos Ferreiros e descende rápido polo val formando numerosas fervenzas. Neste río, e preto de Ponte Valga, atópase unha área recreativa.

Seguindo cara a Raxoi, e collendo unha pista podemos  dirixirnos á parte de arriba das fervenzas. Pronto escoitaremos as augas do río Valga á nosa esquerda, moi preto están os  Muíños de Parafita a onde se chega por unha pequena senda, que inclúe unha pasarela de madeira a carón do río, moi cerca aparecen os Muíños, en bo estado de conservación.

Río arriba, seguindo unha senda, atopamos as fervenzas de Raxoi. O salto máis grande ten 6 metros e forma unha grande poza. A paraxe desta zona é  moi fermosa.

03/11/14

Fervenza do río Toxa

A Fervenza, ou "cadoiro", do río Toxa   é de extraordinaria beleza, a vexetación, a rocha e a auga  fúndense para conseguir esta obra da natureza. O Río Toxa cae preto de 30 m en caída vertical. Este espazo esta rodeado dun denso bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras, amorodeiras e decenas de especies máis. É un primitivo bosque autóctono de Galicia. Así era fai centos de anos e esperemos que permaneza así outros centos de anos máis.  Á fervenza accedese por dous lugares diferentes; desde arriba, un miradoiro permite observar o salto desde a súa parte máis alta e tamén as espectaculares vistas da unión do río Toxa eo Deza, encaixados nos seus vales. Por baixo do miradoiro discorre unha canle de auga que atravesa a rocha por pequenos túneles.
Seguiremos unha pista que baixa cara ao val e cara ao corazón da fervenza.
A poucos km do este lugar atópase o mosteiro románico de Carboeiro e a fermosa ermida gótica de San Pedro de Ansemil.

25/02/13

Camiñata por terras de Lousame

Comezamos a camiñata, por terras de Lousame, no mosteiro de Toxos Outos. A auga dos ríos, San Xusto e Vilacoba, danos a benvida e acompáñanos ao longo de case todo o percorrido. Especialmente fermoso pareceume o último tramo do Vilacoba, antes de empezar a conquista do monte Colou. O tramo final, un pouco empinado, puxo a proba a nosa forma física. Claro que con boa compaña e ante as vistas da ría de Muros e Noia, as dificultades fanse mais levadeiras.
Gustaríame que o país fose mellorando os aspectos paisaxísticos, tamén noutros moitos, monocultivo de eucaliptos, mantemento da infraestrutura dos roteiros, non romper a estética do noso medio rural, entre outros.
Quixera, tamén, referirme á necesidade de gozar dos recursos do noso país. Pero non nos podemos esquecer da inxente cantidade de persoas que están sufrindo unha situación económica e social desesperante, e que todas/os estamos no mesmo barco. Sumémonos, logo, co resto das persoas, ás mobilizacións, para que haxa peixe para todo o mundo.


31/01/13

Chelo ben merece un paseo

Saíndo de Betanzos pola estrada N-VI, cara a Madrid, e a poucos quilómetros, hai un indicador, á esquerda, que pon a "Chelo". Paraxe moi fermosa, situada no río Mandeo. Máis abaixo atópase outro lugar moi coñecido pola xente festeira que é o "campo dos caneiros".

01/12/12

Camiñata ao río Xabriña (terras de Covelo)

    Camiñata a terras de Covelo, seguindo un tramo do río Xabriña 

    O día 25 de novembro, guiados por Samuel  Rodríguez, percorremos unha parte do curso do     río Xabriña, situado en terras de Covelo. Este caracterízase por ser pouco caudaloso, con moitas fervenzas e     currunchos dunha beleza  singular, .
    Tamén se poden ver numerosas ruínas de muíños,  construcións moi activas hai aínda moi pouco tempo .
    O musgo verde destaca na paisaxe da beira do río, recubrindo case todos os obxectos     presentes, tanto vexetais como minerais, amosando formas fantásticas en determinados lugares.





Rematamos o día cunha espectacular posta de sol sobre a ría de Vigo.





Para ver mais fotos e vídeo preme na imaxe.