Translate

Amosando publicacións coa etiqueta Reivindica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Reivindica. Amosar todas as publicacións

16/05/15

17 de Maio 2015, Vivamos e desfrutemos en galego



17 de Maio, un ano máis temos que reivindicar o uso e a dignidade para a nosa lingua, tamén temos que recordar que non temos que pedir desculpas por ser galegas/os e usar a lingua que nos é propia. Temos que enchernos de orgullo por vivir onde vivimos, coas fiestras abertas ao mundo pero dende as nosas paisaxes da nosa historia da nosa maneira propia de ver o mundo.
Temos que manter a nosa lingua porque nos permite comunicar os nosos afectos as nosas arelas os desexos máis fondos tamén os medos e as incertezas. Debemos usala en todos o ámbitos da nosa vida, válenos para comunicarnos na casa na escola na medicina no comercio na fábrica e nos soños.
Este 17 de maio no que nos queren traer escuros agoiros do pasado, temos que dicir, queremos futuro de liberdade, días claros e gozosos non vellas traizóns.
Ás persoas que optaron por adiar para máis adiante a reivindicación da nosa lingua e da nosa maneira de estar no mundo, temos que dicirlle que quen vive fora da súa realidade non pode entender e coñecer o terreo que pisa e ten que vivir unha existencia sen pertenza a ningún sitio e a ningunha realidade e, polo tanto, depende das correntes cambiantes e dos intereses espúreos de cada momento.
Vivamos e desfrutemos en galego. 
 

30/01/15

SALVEMOS CATASÓS

O pasado día 25 de Xaneiro, ADEGA Lugo, reuniunos en Catasós para salvar as  fragas desta localidade. 
Castiñeiros centenarios, carballos aínda verdes, fentos nas marxes dos camiños, os últimos azafranes silvestres deste ano, prados verdes, carreiros tapizados de follas acastañadas, brañas húmidas e camiños entre muros de pedra antiga, toda unha variada flora e fauna, que constitúe un verdadeiro monumento natural. Todo este conxunto poden desaparecer.
Se aínda non puideches gozar desta fermosura de paisaxe, pensa que en breve pode ser demasiado tarde.
O trazado dunha liña de alta tensión por esta paraxe suporía cando menos a talla polo pé de 200 árbores, na súa maioría castiñeiros que están coidados para a produción de castañas e, por tanto, ben xestionados polos veciños e veciñas que propoñen o soterramento da liña baixo a estrada N-525. Polo de agora a instalación da liña atópase en fase de moratoria, a expensas de que Fenosa e veciños cheguen a algún acordo. Aínda así, en calquera momento a compañía eléctrica podería proceder as obras.

10/12/13

Nunca Máis convocou manifestacións en toda Galiza para facer fronte á: marea negra que cubriu o noso mar e as nosas praias, grandísima marea negra de mentiras que o petroleiro do Partido Popular verteu naqueles días, ao tópico da resignación do pobo galego, a inxusta sentenza ditada pola Audiencia Provincial, a falta de medios que seguimos a sufrir á hora de enfrontar novas catástrofes marítimas ou a ausencia de competencias para Galiza en materia de seguranza e salvamento marítimo.