Translate

Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Petróglifos. Amosar todas as publicacións

05/01/15

O Areal de Berres


O Areal de Berres é un espazo de ribeira ao carón do Ulla, situado entre Ponte Sarandón e ponte Ulla. É un espazo de lecer, creación artística, recreo e celebracións cun toque máxico, como a festa do san Xoán.
O Areal é froito do traballo desinteresado e de diversas colaboracións de veciños e artistas locais.
Neste espazo tivo lugar, o 15 de agosto, a celebración do "I Día das Galegas nas Letras", a xornada e o espazo foi escollido polo grupo de crítica literaria feminista A Sega para esta conmemoración, que se inaugurou cunha homenaxe á compiladora do Cancioneiro Popular Galego Dorothé Schubart.

01/12/14

Patrimonio arqueolóxico de San Miguel de Oleiros, Silleda

A Asociación de Veciños de San Miguel de Oleiros, unha parroquia de Silleda pon en valor o seu patrimonio arqueolóxico.
Para elo organizou un roteiro, guiado polo arqueólogo Israel Picón, levounos ata os petróglifos  de Pena Longa, na parroquia limítrofe de Cortegada: conservan os gravados rupestres realizados na Idade do Bronce polos antigos poboadores da zona.
 No alto dun monte próximo atópase o castro Montaz que, xunto co castro das Orelas, son dous poboados castrexos dos que quedan restos de cerámica e muros de pedra.  A panorámica dende este castro permite divisar unha ampla extensión desta bisbarra do Deza.
 Outro elemento de moito interese é o xacemento de Chao de Petos, na parroquia limítrofe de Laro: unha laxe horizontal situada a ras do chan na que se acumulan moitas figuras circulares e motivos propios desta zona, con forma de escaleiras e cadrados.
Realizáronse calcos dos gravados rupestre nunha lámina de papel, esta sitúase sobre os relevos e frégase con papel entintado. Trátase dunha práctica inocua para o petróglifo, segundo o arqueólogo, e que permite obter unha imaxe dos perfis da superficie da pedra.
Vimos tamén en Laro os petróglifos da Pena das Cazolas, un lugar con abundante vexetación. Neste caso, repítense as liñas circulares, cuadrangulares e con formas de escaleiras, constituíndo un conxunto de petróglifos de gran beleza.