Translate

Amosando publicacións coa etiqueta Pazos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pazos. Amosar todas as publicacións

15/01/16

Pazo de Cristal no Retiro de Madrid

Pazo de Cristal no Retiro de Madrid
En 1887 realizouse unha exposición dedicada ás Illas Filipinas, para este motivo construíuse un pazo de Cristal, no recinto do Retiro, que lle encargaron ao arquitecto Ricardo Velázquez Bosco.

Este pazo segue o estilo do "Crystal Palace no Hyde Park de Londres", todo a base de ferro e cristal. A construción foi rápida dado que as pezas xa viñan feitas, polo que en seis meses estaba rematado. 

Empregouse como invernadoiro para as plantas traídas de filipinas, polo que no centro situouse un pequeno estanque e varios surtidores que subministrasen  humidade ás plantas. 

Por dentro é parecido a unha catedral con dúas naves que se cruzan no que se chama o cruceiro, onde está situada a cúpula. 

Foi inaugurado pola rexéntea Dona, María Cristina de Habsburgo o 30 de xuño de 1887.

Fixéronse casas típicas filipinas e trouxéronse filipinos/as para que vivisen alí e a xente puidese ver os seus costumes, sen comentarios.

Hoxe utilizase para realizar exposicións, coma a que está instalada nestes momentos, do artista, Danh V (Bà Ria, Vietnam, 1975), que a concibiu  especificamente para este Pazo de Cristal, e que se titula "Desterra aos sen rostro / Premia a túa graza), na que os osos de Mamut son protagonistas.

Na contorna, e mesmo dentro, podemos observar diversidade de paisaxe de outono asi como, tamén, distintos/as personaxes. 



10/05/15

Pazo de Sabadelle, Chantada

Pazo de Sabadelle(Casa do Pacio), preto de Chantada. Edificio do século XVIII de planta cadrada. Na fachada principal, denominada Porta Nova, hai dous escudos de armas onde están representadas as familias de Juan López Varela e Isabel Mosquera Ulloa. A entrada principal dá acceso a un patio interior en forma de claustro con solaina e corredor decorado cunha balaustrada de pedra. Ao norte conta cunha pequena capela e un terceiro escudo de armas. Esta é a parte máis antiga do pazo, sorprende o corredor con balaustrada de madeira. A poucos metros da vivenda atópase o hórreo pertencente ao pazo.

Actualmente o Pazo de Sabadelle é unha explotación dedicada á produción ecolóxica de carne de becerro, raza pura rubia galega, años e capóns. Outros produtos de horta que cultivan son, leitugas, cebolas e remolachas.
A poucos quilómetros deste lugar podemos atopar Igrexas-mosteiro, orgullo das persoas que traballaron na súa construción, como as de Santo Estevo de Ribas de Miño ou a de Santa María de Pesqueiras, moi preto do Pazo.
As paraxes dos arredores, fermosas vistas sobre as ribeiras do río Miño, carballeiras, paisaxe agrario en plena produción, etc.
Por todos estes motivos merece a pena unha parada neste pazo, 0nde atende,  con moita amabilidade, Xosé,  que sempre ofrece aos amigos comida e pousada, incluíndo un apetitoso pratado feito con pito de Mos, da súa autoría. 

13/06/14

Trasalba, Formigueiro


A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.
A Casa Grande de Cimadevila, nome polo que se coñece, é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea. Por este lugar pasaron, moi especialmente en vida do escritor, multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xenerosa de don Ramón, angueiras e proxectos compartidos. Hoxe segue a ser un lugar de obrigada referencia.
Nestas dependencias custódianse parte dos obxectos persoais de Otero Pedrayo, así coma o contorno no que se desenvolveu a vida do escritor, procurando conservalo tal como era orixinariamente: estancias interiores, xardín romántico e propiedades adxuntas.
Preto de Cima de Vila atópanse lugares de moito valor histórico e paisaxístico, un deles é o pobo do Formigueiro no que se atopa unha capela que mostra aos visitantes un talle de arte castrexa, integrada na fachada. E a través de antigos camiños pódese chegar a tres zonas chamadas a Ferradura, a Zarra e o Couto do Castro, nas que podemos ver petróglifos, restos dun castelo, conxunto de muíños, etc. Paseando polo lugar encontraremos numerosas mostras de traballos realizados por antigos canteiros e gozaremos dun pobo que aínda segue mantendo a súa antiga esencia.


07/01/14

Casa Museo Rosalía de Castro

 A Casa Museo Rosalía de Castro, tamén chamada Casa da Matanza, é a casa na que viviu Rosalía de Castro xunto co seu home Manuel Murguía e os fillos da familia desde 1883 ata a súa morte en 1885. Recolle distintas edicións das súas obras e diverso material seu, como fotografías ou recordos persoais. No segundo andar, recrea o ambiente da casa en tempos de Rosalía.
Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería en casa-museo. A morte do seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885, aos corenta e oito anos. Rosalía foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.