Translate

Amosando publicacións coa etiqueta Mosteiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mosteiros. Amosar todas as publicacións

12/05/17

Igrexa abacial de Meira, Lugo



A igrexa abacial de Santa María de Meira, Lugo, formaba parte do Mosteiro de Santa María de Meira, Lugo, foi un cenobio fundado polos condes de Sarria na quinta década do século XII nun territorio virxe, como era preceptivo, preto das fontes do Miño.


A igrexa é un templo románico sobrio e de gran monumentalidade. Posúe trazas cistercienses, como se pode ver nas bóvedas da nave central, de medio canón, apuntado ás laterais, con bóveda de aresta.

Dende o exterior o seu aspecto é de horizontalidade, algo que adoita ser común nas igrexas cistercienses, debido á gran lonxitude do corpo da igrexa e en ocasións a que os muros adoitan estar algo cravados ou refundidos respecto ao chan circundante. 


No interior a sensación é de verticalidade, aínda que menor que nas igrexas románicas de peregrinación como a de  Compostela ou as catedrais góticas.

No exterior e na fachada occidental destacan os estribos aliñados aos soportes das naves. Cara ao oeste sitúase un gran rosetón e unha porta de arquivoltas de medio punto, un tímpano sen esculpir e tres parellas de columnas con detalles vexetais moi elaborados. Na cara este sitúanse os asides, parcialmente cubertos, nos que destacan uns canzorros e os decorados das ventás.

Do resto de dependencias monásticas orixinais consérvanse restos como algún muro do que fose claustro renacentista e que hoxe é sé do concello ou unha fonte, situada no patio interior.


Se queres ver as fotos pincha aquí.

Se queres ver o vídeo pincha aquí.

05/08/16

Mosteiro de San Pedro de Soandres



O mosteiro de Soandres, como se coñece pola zona, está situado no lugar de Priorado, nome non casual, na parroquia de Soandres, concello da Laracha.

As orixes remóntanse ao século X, aínda que a actual construción data do S. XIV. Combina o estilo gótico da cabeceira eo barroco nas naves, Algúns elementos pertencen ao  templo primitivo románico, canzorros ou lintel. A cabeceira e de estilo gótico, é a parte de máis interese da igrexa. 

A decoración interior é moi sinxela. No altar da dereita sitúase unha figura de pedra policromada, de aspecto moi rústico, é a imaxe de Santa Marta (de finais do S.XVIII), que procede da Ermida de Santa Marta de Soandres, hoxe desaparecida.
 
Apegada a igrexa, no muro sur, está a Casa Reitoral, antigo mosteiro.

Da Fonte Santa, situada á entrada do conxunto monacal, saen "augas milagreiras", segundo as crenzas populares.

Durante o século XIX, os campesiños fanse coa propiedade das terras e o mosteiro perde a fonte das súas riquezas.

Actualmente se atopa en moi bo estado de conservación. 

29/07/16

Mosteiro de Oseira




O Mosteiro cisterciense de Santa María de Oseira é un dos monumentos importantes de Galiza. Este mosteiro, orixinario do século XII, está situado na provincia de Ourense, no concello de Cea. Xa antes había un mosteiro fundado por uns eremitas. 

En 1141 o Monasterio de Oseira convértese no emblema do Císter en terras galegas, dende onde se propagarían a numerosos lugares de Galicia. 

 A igrexa remátase no ano 1239. Foron os séculos, XII e XIII, os de maior esplendor de Oseira.

No século XVI, o Monasterio de Oseira perde a autonomía e entra na Congregación Cisterciense de Castela.
 

Despois da exclaustración debido a Desamortización de Mendizábal, no século XIX, o mosteiro é abandonado e comeza un progresivo deterioro da súa arquitectura e das súas obras de arte.

No século XX volven monxes a Oseira e empréndese unha labor de restauración e recuperación deste complexo monacal, en gran medida realizada con fondos públicos da Xunta de Galicia, polo que considero que este mosteiro, ademais de estar en Galiza, tamén é, en parte, un patrimonio do pobo galego. No interior non se poden facer fotos, a menos que se pida permiso, Considero que é unha desafortunada medida que restrinxe o interese da visita. 


Este mosteiro conta con dependencias como unha extraordinaria igrexa románica de transición, tres claustros de distintas épocas e estilos, unha sala capitular de gran beleza, un pequeno museo, unha botica, e outras dependencias.

A igrexa románica ten planta de cruz latina con tres naves e crucero.   A cabeceira imita á de Santiago con xirola e capelas. No século XIII construíuse o ciborio.


A fachada principal reformulouse en estilo barroco, con sillería almofadada e frontispicio, a máis diso outros ornatos e esculturas clasicistas.
Á beira meridional da fachada da igrexa e perpendicular a ela atopamos a fachada barroca, de influencia Compostela, do conxunto residencial do mosteiro.

A sala capitular foi construída sobre formulacións tardogóticos, é un espazo abovedado por bóvedas estreladas, os nervios arrincan de columnas estriadas teñen forma de palmeira. 


No interior do edificio, a principios de s xx, situouse unha escola, que desapareceu cando os monxes se fixeron cargo do mosteiro




23/07/16

Mosterio de Santa María de San Clodio de Leiro



O Mosteiro de Santa María de San Clodio de Leiro sitúase a metade de camiño entre Ribadavia e Carballiño, xunto ao río Avia, no corazón da comarca de Ribeiro, de moita produción de viño.
A súa orixe é altomedieval aínda que se descoñece o tempo da súa fundación . Algunhas fontes indican que tivo lugar no século VI, levaríana a cavo monxes fuxidos do Monasterio de San Clodio de León perseguidos polos arianos.


Alcanzou o seu máximo esplendor nos séculos XII e XIII grazas ás moitas rendas procedentes dos cultivos dos seus dominios, en especial da produción vitivinícola.
Recentemente foi restaurado como hotel, dous claustros indican o número de monxes que habitaron neste mosteiro, conta con espazos verdes interiores en proceso de acondicionamento.

A igrexa do Monasterio é de estilo tardorrománico cisterciense, estes estilos son propios de finais do século XII e comezos do XIII.

O interior consta de tres naves separadas por alicerces cadrados con dúas columnas nas frontes lonxitudinais que reciben os arcos formeiros, de forma oxival. 


O teito de madeira orixinal que cubría estas naves foi substituída, séculos despois, por bóvedas de crucería estrelada. 

Tamén ten certa harmonía a fachada principal, a pesar de que sufriu importantes alteracións como a colocación do campanario sobre a nave da Epístola ou o cegamento e alteración do gran rosetón situado sobre a porta principal. 


Se queres ver as fotos pincha encima

17/10/15

Mosteiro Igrexa de Santa María de Penamaior , Becerrea

Mosteiro Igrexa de Santa María de Penamaior , Becerrea
Antigo mosteiro románico, cisterciense, o único galego afiliado a Citeaux, a través de Carracedo. É actualmente a igrexa parroquial do mesmo nome, no concello de Becerreá (Lugo). A súa orixe non se coñece con precisión. Seguramente se fundou antes de 1225, data na que se converte en abadía independente, o seu patrimonio irá aumentando a base de dacións e concesións de privilexios. 

A esta primeira etapa do mosteiro está vinculado o rei Alfonso IX, que foi rei de Galiza, morreu en Sarria no no 1230. 

Este rango da abadía dura ata o ano 1506, no que se unen para formar parte da Congregación de Galicia, Castela e León. Isto presupón a perda de súa categoría abacial e a súa transformación en presidencia ou pequena comunidade dedicada á cura de almas e a administra-las rendas. 

A decadencia deste mosteiro dáse no contexto da decadencia xeral que sofren todos los mosteiros cistercienses, a partires do século XV. Co tempo, a decadencia da congregación extinguirá a pouca vida que tiña o mosteiro e as rendas que aínda conservaba foron a parar as mans das familias de Becerreá durante o proceso de desamortización. Pasa a ser igrexa parroquial a partir de 1.836.

Preto do Mosteiro atópase un muíño unha fonte e un paraxe de arbores autóctonos, castiñeiros, nogueiras, etc,  cunhas cores fermosas de outono.



24/07/15

Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro

Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro. Este  mosteiro está emprazado no alto dun penedo nun lugar afastado e solitario, no seo dun bosque frondoso á veira do Río Deza, para aproveitar os seus recursos tanto naturais como hidráulicos. A súa situación, no alto dun escarpado, dificultaba os asaltos e saqueos. 
Moitas veces estes lugares eran elixidos por antigos eremitas e anacoretas para retirarse na natureza. 
Antes de ser Mosteiro beneditino, existiu no lugar unha ermida dedicada a San Lorenzo, a cal pertencía a un ermitaño cuxo nome era Egica. Sobre esta, Don Gonzalo e Doña Teresa, Condes do Deza, construíron no ano 936 a abadía, co fin de reunir aos monxes e eremitas da comarca.

24/04/15

Santo Estevo de Ribas de Miño

A Igrexa  de  Santo Estevo de Ribas de Miño, está situada no concello de  O Saviñao - Lugo, moi preto do Río Miño, entre viñedos pertencentes a "ribeira sacra do Miño". Foi construída a mediados do último terzo do s. XII, a súa construción relacionase coa obra do Mestre Mateo. Ten unha única nave, muros de cadeirado granítico con contrafortes exteriores e cuberta a dúas augas. A fachada ten unha porta abucinada enmarcada por arcos de descarga en forma de portas, un rosetón e un "gardachoivas" de arcos. Catro arquivoltas enmarcan a portada en directriz de medio punto, no interior desta atópanse sete figuras, sedentes, con instrumentos, a segunda das arquivoltas decórase con duas baquetas con escocia chea de cuñas, a terceira presenta un dobre trenzado e a cuarta un baquetón anelado con talos e unha flor. A parte exterior do conxunto, apoiado en catro pares de columnas acodilladas con fustes marmóreos e capiteis traballados. Unha faixa lombarda percorre o aleiro con adornos de cabezas humanas e animais. No interior conta con retablos do S XVII asi como figuras esculpidas en madeira e en pedra.
Está declarada Monumento Nacional de carácter histórico-artístico. 

Deste lugar parte a ruta "Ribeira Sacra do Miño", que transcorre entre viñedos e ofrece unhas vistas espectaculares do conxunto da ribeira e do Río Miño.

 

11/04/15

Mosteiro de Pesqueiras

Mosteiro de Pesqueiras  situado na parroquia de Sta. Mª de Pesqueiras, Chantada. Este mosteiro atópase situado nunha paraxe de soutos centenarios, moi preto do encoro de Belesar. Poida que o nome desta igrexa monástica este en relación cunha arte de pesca bastante estendida non curso medio-baixo do río Miño: a pesqueira, ou tamén chamado caneiro.

A igrexa consta dunha nave divida en dous tramos un deles apoiado en contrafortes exteriores. O teito é de madeira, recentemente restaurado. A ábsida presenta un arco triunfal con peche nos salmares, columnas nunha orde, capiteis de fitaría e imposta sinxela que discorre polo testeiro. Tamén presenta unha fiestra de medio punto con columnas apoiadas por riba do arco de acceso.





Son de grande valor artístico as pinturas murais do interior entre as que atopamos diversas escenas bíblicas: pasaxes referentes á Resurrección dos mortos, a Anunciación da Virxe, a imaxe de María co Neno (século XV) ou a Resurrección de Cristo.                     
Pero a verdadeira xoia escultórica do templo estaba na talla de Santa María de Pesqueiras; totalmente románica, hierática e sedente, posuía un grande valor artístico, desta consérvase unha copia dado que a orixinal perdeuse nun incendio que asolou a igrexa nova de Pesqueiras a onde fora trasladada.







21/09/14

Mosteiro de San Salvador de Celanova

O Mosteiro de San Salvador de Celanova está conformado por unha igrexa de grandes dimensións, con planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha e unha transversal que forma o cruceiro, destaca o gran retablo maior de Castro Canseco, así como os dous coros e o magnífico órgano, hoxe restaurado e habilitado para a celebración de concertos.

O mosteiro organízase ao redor de dous claustros, o Barroco ou procesional, do século XVI, é o inmediato á igrexa, con bóvedas de crucería e medallones con bustos de personaxes históricos (Carlos V, Felipe II, Juan de Austria...). No século XVIII foi ornamentado nas súas fachadas exteriores, nun barroco moi cargado, por frei Plácido Igrexas, monxe arquitecto de Celanova, a quen se lle atribúe a solemne escaleira que comunica os dous pisos deste claustro e dá acceso á torre dos abades.

 A biblioteca, distintas escaleiras e diferentes dependencias ofrecen interesantes solucións arquitectónicas que converten a este edificio nun dos exemplos máis destacados do denominado barroco galego.


05/09/14

Mosteiro de Sobrado

O mosteiro de Sobrado, descrito por López Ferreiro na súa novela " O Castelo de Pambre", atópase no Camiño Norte de Santiago, en Terras de Melide, o que propiciou o seu rápido auxe e a súa importancia na economía da zona, xa que se atopa tan só a 70 km de Santiago. A historia deste mosteiro pódese remontar, segundo algunhas investigacións, a épocas remotas, concretamente ao reinado dos suevos en Galicia, alo polos séculos V ou VI despois de Cristo. Os primeiros documentos que se atoparon datan do século X.

31/08/14

ORREAGA/RONCESVALLES, É un enclave pirenaico, ao noroeste de Navarra e próximo á fronteira con Francia, constitúe un fito no Camiño de Santiago e alberga un dos mellores exemplos do gótico francés na Península


LUZAIDE/VALCARLOS, dá a benvida aos peregrinos que desde Francia se encamiñan cara a Santiago de Compostela, ten no seu haber algunhas das danzas máis rechamantes e ancestrais de Navarra.

DONIBANE GARAZI/ SANT-JEAN-PIED-DE-PORT, é unha vila e comuna francesa situada no departamento de Pireneos Atlánticos, na rexión de Aquitania. Forma parte do País Vasco Francés.


25/04/14

Mosteiro de Santa María de Carracedo

O mosteiro de Santa María de Carracedo é unha antiga abadía, xa exclaustrada, fundada no século X e pertencente ás ordes Beneditina e, posteriormente, Cisterciense. Sitúase en Carracedo del Monasterio, no concello de Carracedelo, na comarca do Bierzo, na provincia de León, a carón do Camiño de Santiago.  Actualmente está case na ruína, aínda que rehabilitado para a súa visita. Conten diversos estilos, destacan os elementos románicos, cistercienses e protogóticos, correspondentes aos séculos XII e XIII. 

02/05/13

Camiñata por terras de viño e románico. Cóbados de Belesar

O Miño fixo notar a súa presencia ao longo de toda a camiñata. O primeiro impacto visual foi a presa de Belesar, da que non se ve o edificio dos xeradores dado que están introducidos dentro da montaña, situada ao sur da presa. As igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño e de Diomondi móstrannos, 800 anos despois, a arte e o traballo das persoa que labraron a pedra. As carballeiras e soutos, cubertos de follas novas e verdes, acóllennos no seu seo, coma espazos encantados. Animais a veira do camiño recórdannos que non somos os únicos no universo. As flores das cerdeiras alégrannos a vista. Os romanos, xa vai pra 2000 anos, estiveron aquí antes ca nos. De fondo e presidindo todo o percorrido, as vides da Ribeira Sacra do Miño, das que teremos que probar o seu viño. Algunhas costas no camiño recórdannos que, as veces, os praceres esixen esforzos.

  

15/03/13

Ares, Montefaro, entrada ría de Ferrol

A vila de Ares, está situada á entrada da Ría de Ares-Betanzos, en pleno Arco Ártabro. Cerca, cara ao norte, atópase o Mosteiro de Santa Catarina, en moi bo estado de conservación. Mais arriba sitúase o bico de Montefaro, onde antigamente situarían fachos para sinalizalo, hoxe atópanse restos de antigas instalacións de baterías de costa, en mal estado de conservación, tamén están situadas antenas reemisoras de telefonía, radio e tv. Este monte flanquea a Ferrol polo sur. Dende este punto temos unhas vistas espectaculares, especialmente da entrada da Ría de Ferrol e dos castelos de A Palma e San Felipe, estes, controlaban o acceso ao interior.