A Ribeira Sacra Lucense reúne unha serie de características relacionadas co seu chan eo seu microclima atlántico, no que a suavidade
das temperaturas ao longo de todo o ano, ambiente contrastado
e seco cunha forte insolación facilitou o desenvolvemento da viticultura. O cultivo da uva realízase en socalcos que consegue dotar de personalidade á ribeira e configura unha paisaxe
humanizada e modelada ó longo dos séculos. As “muras”, muros de contención, para asegurar a terra e aproveitar mellor o terreo. Esta forma de cultivo dificulta o uso de mecanización e polo tanto esixe un grande esforzo das persoas que traballan as viñas. A vide
introdúcese na comarca durante o período da conquista romana da
Gallaecia primitiva, tempo no que xa viaxaban a roma os caldos galegos, segundo os indicios dos que se dispón. Pero as colonizacións monásticas medievais foron as que impulsaron a produción de vides na comarca.
Nos últimos tempos este viño, con denominación de orixe "ribeira sacra", converteuse nun importante factor de
dinamización económica do concello de Chantada, dado que se exporta a moitos lugares do mundo. Para as persoas que se acercan aos froitos das vides, cando están na súa maduración, é un gusto recrearse na súa contemplación e tamén na súa degustación. Na adega restaurante da Ermida, núcleo situado en plena rebeira, podemos contemplar os antigos utensilios que se usaban para o trafego do viño. ademais de desfrutar dunha comida rica e moi económica. Perderse polos múltiples currunchos cheos de vexetación, edificios románicos, comprar viño nas moitas adegas da zona, ou durmir nalgún pazo de turismo rural, son algúns dos praceres que nos podemos dar.
Pisa, Toscana. Está situada á beira do Mar Tirreno, é atravesada polo río Arno, o mesmo que pasa por Florencia, e que Maquiavelo, cun proxecto de Leonardo da Vinci, tentou desvialo e separalo de Pisa. É a cidade natal de
Galileo Galilei. Foi fundada no S.V a.C. polos etruscos, e desde o S.III a.C. foi aliada
de Roma. No ano 180 a.C. converteuse en colonia romana, pasando a ser
unha importante base naval, chamada Portus Pisanus. No S.XII, grazas á
súa participación nas Cruzadas, converteuse no principal centro de
comercio co Mediterráneo oriental.O seu declive comezou en 1284 trala derrota da súa flota en Meloria a
mans dos xenoveses. En 1405 tras un longo asedio, foi conquistada por
Florencia. No centro da cidade atópase a Piazza dei Cavalieri, un
lugar que recibe o seu nome pola sede da orde do mesmo nome, fundada no século XVI para
defender as costas do Tirreno dos ataques de piratas sarracenos. Pódense ver varios pazos: Palazzi degli Anziani, unha construción do século
XI que albergaba a sé dos representantes do Goberno de Pisa. A torre do
Orologlio, antiga prisión, é o escenario dun dos pasaxes da Divina
Comedia de Dante Aligheri. Na Piazza dei Miracoli atópanse os monumentos mais importantes de Pisa: Torre inclinada, foi declarada en 1987 Patrimonio da
Humanidade pola UNESCO, é o campanario do Duomo, catedral. Ten 55 m. de altura é caracterízase pola
súa inclinación de 5º 30' (4,20 m.) e pola súa decoración claroscura. Na sala da
campá, Galileo realizou os seus experimentos sobre a gravidade.
A súa construción foi iniciada en 1173, pero tivo que ser interrompida
cando ía pola terceira planta, debido ao afundimento do terreo no que
está asentada, en 1350 rematou a súa construción, despois de corrixir o deseño e facela máis lixeira.
No S.XVI consolidouse a base, pero continuou a inclinación, ata tal punto que en 1990 a torre foi pechada ao público,
porque se inclinaba 1,18 milímetros anuais.
No 2002 volveu abrirse ao público tras endereitala 39,60 centímetros. A
técnica empregada foi a extracción da terra situada baixo o
"campanille", na parte oposta á da súa inclinación, para logo deixar
caer o edificio sobre o oco creado.Outro dos edificios da praza é o Duomo, catedral, esta empezou a construírse
logo da vitoria sobre os sarracenos en 603 en Palermo, destinouse o
botín de cinco navíos para a súa construción, rematouse no 1122, sendo a máxima expresión da arquitectura románico-pisana. A
fachada está decorada con catro niveis de galerías de pequenas
columnas.Tamén se atopa nesta praza o Baptisterio, Construído en 1152, ten a mesma altura que a torre inclinada. A súa
planta é circular de 35,50 m. de diámetro e está cuberto por unha cúpula piramidal de oito lados, coroada
por unha estatua de San Xuan Bautista. No exterior está percorrido por unha galería de columnas e elementos
decorativos gótico-floridos, que fan xogo coa estrutura do Duomo. Resulta curioso como os turistas se empeñan en endereitar a Torre, fotograficamente, claro.
Canteiras de Carrara, Códena, Toscana. Estas canteiras son moi coñecidas polo seu "mármore de Carrara". O Panteón de Agripa,
Columna de Trajano, O David de Miguel Angel, na Catedral de Siena o púlpito gótico octogonal, fachadas de múltiples catedrais italianas como a de Florencia, escultores coma Giovanni e Nicola Pisano, deron un pulo ao uso deste material, usado tanto en elementos artísticos como elementos de construción e decoración. Era o mármore
preferido por Miguel Ángel para as súas esculturas, afirman
que viaxaba a Carrara para seleccionar os bloques cos que
realizaría as súas obras, excepto no caso do "David", xa que este era, orixinalmente, un bloque de Carrara que pasou de man en man por outros
escultores (Agostino dei Duccio e Antonio Rossellino) e terminou
finalmente no obradoiro de Miguel Angel, ao que non lle importaron as
pequenas deficiencias de orixe do mesmo. Estas canteiras
probablemente xa se usaban na Idade de Bronce para producir utensilios
variados e tamén obxectos decorativos e conmemorativos para incluír nas
tumbas dos mortos.
Cos romanos comeza unha importante extracción e na época de Xulio César
(48-44 a. C.),usábase este mármore para as construcións públicas de Roma
e tamén en moitas casas patricias. A exportación realizábase polo
porto de Luni, de aí o seu nome de (marmo lunense).
Esta actividade extractiva detense a partir do século V, pola caída do imperio romano. Máis adiante pasa a ter unha gran demanda xa que se usaba
para a construción e a decoración interna dos edificios relixiosos. Hoxe hai
unhas 300 minas en funcionamento, unha parte da extracción exportase. Todos os séculos de explotación e dominación non acougaron o carácter
rebelde do seu pobo que posúe unha forte tradición obreira onde as súas organizacións tiveron e seguen tendo moito peso. Un monumento no centro de Códena, poboación situada a carón das minas, ilustra sobre sobre as duras condicións de traballo das persoas mineiras. Chama, tamén, a atención o prato típico desta poboación, touciño ou lardo, que nos indica o esforzo físico que realizaban as persoas que traballaban na mina. A destrución do medio natural que implica a explotación da mina, fainos reflexionar sobre os prezos que se pagan polo uso destes materiais.
Villa Idalina, Caminha, Seixas, Portugal, é un palacete proxectado a principios do S. XX polo
arquitecto Miguel Nogueira, sendo o
resultado final de cinco proxectos, foi construído entre
1909-1911 por encargo de Joaquím dous Anjos Costa, para o seu uso privado
en Seixas do Miño, a 5km de Caminha, moi preto da desembocadura do río Miño, o seu lugar natal, toma o nome de Idalina, da súa segunda
esposa. Enmárcase nos parámetros eclécticos de principios do século
pasado con pinceladas de Art Noveau. Ten unha
extensión de 6.000 m2 entre casa, xardíns e anexos. No interior da Villa mantéñense os materiais e decorados orixinais en todas as dependencias: distintos salóns de estar, comedor, sala de baño, bodega, lareira, terrazas, etc. Os
xardíns tamén son da época. Está situada na marxe
portuguesa do Rio Miño, a pouca distancia de Galicia. Son de destacar as vistas
sobre o propio rio. Hoxe este edificio adícase a pousada e hostalaría, por certo unha atención exquisita.
Volterra, Toscana, Xirasois. Pequena cidade de arquitectura medieval que se
atopa ao sur da Toscana, a poucos km de Siena e San Gimignano e cerca da costa.
Volterra é unha cidade que conta con mais de
2000 anos de historia. Ten as súas orixes no século VII AC. Converteuse
nunha importante capital Etrusca no século III AC, alcanzando unha poboación de 25.000 habitantes.
De capital etrusca pasa logo a ser cidade romana. No século V DC
constrúese en Volterra a primeira igrexa baixo o poder do Marquesado de
Toscana, que impulsa un importante desenvolvemento
económico, social, relixioso e xurídico.
Na idade media Volterra segue xogando un papel relevante nas loitas
entre Siena e Florencia e constrúense as murallas que aínda se
poden admirar hoxe en día. Un paseo polas súas rúas do centro histórico amosan casas, torres e palacios que contan con máis de 2000 anos de historia.
As persoas de Volterra veñen traballando o alabastro para elaborar todo tipo de
traballos ornamentais. Esta pedra caliza, sutil e
translúcida, foi moi utilizada, hoxe escasea. Tamén presta unha parada na campiña toscana para perderse nunha leira de xirasois.
Castelo de Monteriggioni, na Toscana. Perderse pola Toscana, no centro de Italia, amodo e con moita disposición a "paponear", deixándote impresionar polas paisaxes, atópanse moitas vilas antigas, moitas delas amuralladas, que nos indican a importancia estratéxica destes puntos xeográficos. Unha destas vilas é Monteriggioni, un pequeno poboado situado no alto
dun outeiro, aloxado no interior dun castelo do século XIII e que desempeñaba un
importante papel militar pois contribuía á defensa Siena de invasións de Florencia,
por estar cerca de importantes vías de comunicación como a Vía Francigena e
Cassia. Resulta curioso un dos sistemas defensivos, cercaban as murallas con carbón que era incendiado no caso de invasións.
A muralla e algunhas das súas torres aínda se conservan hoxe, e foi este lugar o que inspirou á Dante Alighieri a súa
obra "Divina Comedia".
Cinque Terre, rexión de
Liguria, na Riviera, Italia, é o nome que se lle dá a unha porción de costa
acantilada onde as persoas souberon adaptarse ao abrupto relevo bañado polo
Mediterráneo. Antigamente a poboación de Cinque Terre vivían do mar
e a agricultura hoxe este lugar, patrimonio da humanidade desde
1997 e declarado Parque Nacional dous anos máis tarde, vive, tamén, do turismo.
O primeiro dos 5 pobos que conforman o parque nacional das Cinque Terre,
andando de sur a norte, é Riomaggiore, este é un pobo con numerosas casas coloreadas,
empinadas na ladeira da montaña, que se estenden desde o alto ata a beira do mar, onde está situado un pequeno embarcadoiro. Esta vila é visitada por numerosos turistas que comparten espazo cos habitantes do lugar, boa parte deles
mariñeiros. Un paseo polas estreitas rúas do pobo permite descubrir currunchos e paraxes particulares, asi como a vida tranquila da vila, roupa colgando das ventás, pintores idealizando as vistas do lugar. Tamén nos ofrecen artesanía, viños locais, bo peixe. No fondo do pobo, á beira do mar, hai un miradoiro dende o que podemos contemplar a costa empinada da zona, o mar Mediterráneo e unha panorámica do pobo. Seguindo un carreiro que vai á beira do mar, atópase unha praia empedrada, das poucas que existen na zona.
O Anfiteatro Flavio,
coñecido universalmente como o Coliseo. Remataron a súa construción no ano 80 dc.
Estivo en funcionamento ata o ano 523, aínda que o último combate de
gladiadores está rexistrado en 435. A fachada do Coliseo é un dos exemplos máis completos da linguaxe
clásica arquitectónica. Este sistema de construción serviu de modelo de composición construtiva ao longo
dos séculos.
A finais do século VI construíuse
unha pequena igrexa dentro da estrutura do anfiteatro e a area
transformouse nun cemiterio. Nos chanzos instaláronse fábricas.
A principios do século XIII, unha familia da nobreza apropiouse do
Coliseo e fortificouno, transformándoo nunha especie de castelo. En
1349 houbo un gran terremoto, que danou a súa estrutura e derrubou o
muro externo ao lado sur. Moitas das pedras desprendidas e outras que se sacaron dos muros, incluído o travertino
(pedra similar ao mármore), que o recubría e que foi arrincado,asi como moitos elementos decorativos, foron utilizadas para construír e decorar palacios e igrexas, incluído o Vaticano. Unha das construccións nas que se empregou foi no Palacio Barberini, que deu orixe ao dito(O que non fixeron os bárbaros, fixérono os Barberini). O espolio continuou ata 1749.
No Coliseo os romanos gozaban de moitos espectáculos diferentes; Un dos
máis curiosos consistía en encher o rodo de auga para representar
batallas navales.
Tamén se organizaban pelexas de animais salvaxes (leóns, panteras,
elefantes) que eran traídos desde lugares afastados, ás persoas prisioneiras obrigábanas enfrontarse a estas feras. Os espectáculos principais eran as loitas de gladiadores. A maioría das persoas que
combatían eran homes e tamén mulleres, obrigábanos a pelexar entre eles e elas, estas persoas eran escravas e prisioneiras ás que se obrigaba a
esta actividade, unha parte importante morrían nas pelexas e eran retirados pola porta da morte a un lugar onde eran espoliados.