Cinque Terre, rexión de Liguria, na Riviera, Italia, é o nome que se lle dá a unha porción de costa acantilada onde as persoas souberon adaptarse ao abrupto relevo bañado polo Mediterráneo. Antigamente a poboación de Cinque Terre vivían do mar e a agricultura hoxe este lugar, patrimonio da humanidade desde 1997 e declarado Parque Nacional dous anos máis tarde, vive, tamén, do turismo.
O primeiro dos 5 pobos que conforman o parque nacional das Cinque Terre, andando de sur a norte, é Riomaggiore, este é un pobo con numerosas casas coloreadas, empinadas na ladeira da montaña, que se estenden desde o alto ata a beira do mar, onde está situado un pequeno embarcadoiro.
Esta vila é visitada por numerosos turistas que comparten espazo cos habitantes do lugar, boa parte deles mariñeiros.
Un paseo polas estreitas rúas do pobo permite descubrir currunchos e paraxes particulares, asi como a vida tranquila da vila, roupa colgando das ventás, pintores idealizando as vistas do lugar. Tamén nos ofrecen artesanía, viños locais, bo peixe.
No fondo do pobo, á beira do mar, hai un miradoiro dende o que podemos contemplar a costa empinada da zona, o mar Mediterráneo e unha panorámica do pobo.
Seguindo un carreiro que vai á beira do mar, atópase unha praia empedrada, das poucas que existen na zona.
Ningún comentario:
Publicar un comentario