Translate

11/09/15

Canteiras de Carrara, Códena, Toscana



Canteiras de Carrara, Códena, Toscana. Estas canteiras son moi coñecidas polo seu "mármore de Carrara". O Panteón de Agripa, Columna de Trajano, O David de Miguel Angel, na Catedral de Siena o  púlpito gótico octogonal, fachadas de múltiples catedrais italianas como a de Florencia, escultores coma Giovanni e Nicola Pisano,  deron un pulo ao uso deste material, usado tanto en elementos artísticos como  elementos de construción e decoración. Era o mármore preferido por Miguel Ángel para as súas esculturas, afirman que viaxaba a Carrara para seleccionar os bloques cos que realizaría as súas obras, excepto no caso do "David", xa que este era, orixinalmente, un bloque de Carrara que pasou de man en man por outros escultores (Agostino dei Duccio e Antonio Rossellino) e terminou finalmente no obradoiro de Miguel Angel, ao que non lle importaron as pequenas deficiencias de orixe do mesmo. Estas canteiras probablemente xa se usaban na Idade de Bronce para producir utensilios variados e tamén obxectos decorativos e conmemorativos para incluír nas tumbas dos mortos.
Cos romanos comeza unha importante extracción e na época de Xulio César (48-44 a. C.),usábase este mármore para as construcións públicas de Roma e tamén en moitas casas patricias. A exportación realizábase polo porto de Luni, de aí o seu nome de (marmo lunense).
Esta actividade extractiva detense a partir do século V, pola caída do imperio romano. Máis adiante pasa a ter unha gran demanda xa que se usaba para a construción e a decoración interna dos edificios relixiosos. Hoxe hai unhas 300 minas en funcionamento, unha parte  da extracción exportase. Todos os séculos de explotación e dominación non acougaron o carácter rebelde do seu pobo que posúe unha  forte tradición obreira onde as súas organizacións tiveron e seguen tendo moito peso.  Un monumento no centro de Códena, poboación situada a carón das minas, ilustra sobre sobre as duras condicións de traballo das persoas mineiras.  Chama, tamén, a atención o prato típico desta poboación, touciño ou lardo, que nos indica o esforzo físico que realizaban as persoas que traballaban na mina. A destrución do medio natural que implica a explotación da mina, fainos reflexionar  sobre os prezos que se pagan polo uso destes materiais.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario