Os Batáns e Muíños do Mosquetin, están situados no Concello de Vimianzo, no
lugar de Salto, pouco despois de Baio, carreteira de Fisterra. Ocupan dous edificios que albergan sete muíños e tres batáns, este conxunto está dotado dun sistema de canles que conducen a auga do Río Grande ate as distintas dependencias, estas forman un conxunto etnográfico de grande interese e nun estado de excelente conservación. Os muíños teñen a función de converter o grao en fariña, hai dous tipos, de trigo, e de millo. Os batáns utilizábanse para compactar o liño e a la.
Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro. Este mosteiro está emprazado no alto dun penedo nun lugar afastado e
solitario, no seo dun bosque frondoso á veira do Río Deza, para aproveitar os seus
recursos tanto naturais como hidráulicos. A súa situación, no alto dun escarpado, dificultaba os asaltos e saqueos. Moitas veces
estes lugares eran elixidos por antigos eremitas e anacoretas para
retirarse na natureza. Antes de ser Mosteiro beneditino, existiu no lugar unha ermida
dedicada a San Lorenzo, a cal pertencía a un ermitaño cuxo nome era
Egica. Sobre esta, Don Gonzalo e Doña Teresa, Condes do Deza,
construíron no ano 936 a abadía, co fin de reunir aos monxes e
eremitas da comarca.
O devir anual da vida do pobo ben marcado por unha serie de acontecementos sociais civís e relixiosos, feiras, festas e entre outras, as romarías onde se desenvolve unha rica cultura espiritual que se expresa nunha artesanía variada, como á da cera e a das migas de pan e outras. Nos santuarios, coma neste do Corpiño, entréganse velas e exvotos de cera virxe de abella, de parafina, de estearina, de sebo e con mecha de algodón. As velas poden ser de varias formas lisas, rizadas, labradas, coloreadas, pintadas, as mais frecuentes están sostidas nunha especie de contedor de plástico. Os exvotos, figuras de cera, son reproducións completas ou parciais da parte do corpo que sofre a doenza: cabeza, brazo, tronco...ou reproducións de animais enfermos: cabalos, vacas, porcos, ovellas… Os exvotos, como afirman moitos autores, son portadores dunha simboloxía máxico-relixiosa coa reminiscencia primitiva de ofrecer sacrificios e sufraxios ás divindades como agradecemento, expiación ou promesa. Tales prácticas foron cristianizadas máis tarde. A virxe do Corpiño din que é avogosa, sobre todo, para quitar o meigallo, nome que se lle dá certos comportamentos psicolóxicos anormais.
Dentro do ciclo
anual da vida, a devoción popular manifestada nas festas e romarías desenvolve
unha rica cultura espiritual, sustentada nunha artesanía variada, como a de cera
e a de migas de pan.
Dolmens de Maus de Salas. Estas construcións megalíticas podémolas situar cronoloxicamente entre os anos 3500 a 2000 aC. Son monumentos funerarios formados por pedras fincadas no chan e cubertas por laxas de gran tamaño. Constan dunha cámara onde se colocaba ao defunto co enxoval funerario, consistente polo xeral en machadas, puntas de frecha, cerámica, etc. Finalmente, cubríase a modo de túmulo. Están situados no Val do Salas, unha paisaxe prehistórica onde hai 5000 anos estableceronse as primeiras persoas que se adicaron a
agricultura ea gandería. Estas comunidades da
sociedade neolítica ergueron estes monumentos funerarios, deixando
testemuña dun incipiente culto relixioso. Están situados á veira da presa do Salas, a “Casiña da Moura”, o que está situado á entrada da pista que descorre por encima da parede do encoro, foi trasladado do seu emprazamento orixinal cando se
construíu a presa a finais da década dos 60 do século XX. Ó outro lado do muro de formigón sitúase o outro dolmen chamado “Casola do Foxo”, este conxunto está rodeado dunha fermosísima paisaxe de auga e picos
montañosos. Moi preto atópase a poboación de
Maus de Salas, onde poderemos beber auga fresca e contemplar unha
mostra da Arte Popular, un cruceiro de pedra. Tamén conta cunhas modernas instalacións hostaleiras.
Montalegre. Está situado preto da Raia, zona de fronteira entre Galiza e o norte de Portugal, a visita a estas terras permite gozar destas paisaxes de montaña e da súa gastronomía, de especial calidade son as súas carnes como a de boi barroso. Nesta vila atópase o Castelo de Montalegre, situado nun alto domina a vila e as terras fronteirizas. Ordenou construílo Dom Dinís para o control e defensa desta comarca,
en tempos en que as fronteiras estaban en continuo cambio. O castelo de
Montalegre conserva a torre de homenaxe de época de Dom Afonso IV é de
estilo gótico, tamén unha muralla na que destacan tres torres de
distintos tamaños chamadas: do Relogio, Pequena e do Sul. A torre de
homenaxe esta habilitada para visitas e desde o alto contémplase unha boa vista da zona. O románico está dignamente representado pola igrexa de San Vicente. Tourém é unha aldea do concello de Montalegre, é a única poboación
portuguesa situada ao Norte da Serra do Gerês ás beiras do embalse do rio
Salas. Esténdese nunha lingua de terra que se introduce na provincia de
Ourense, sendo unha sorte de península rodeada polos pobos galegos de
Requiás, Guntimil e Calvos de Randín e o territorio coñecido como Couto
Mixto. Tourém é un dos extremos do "camiño
privilexiado", camiño exento de fiscalización que comunicaba esta vila co Couto
Mixto.
Tourém é unha aldea agrícola e gandeira, a súa economía complementouse, durante xeracións, coa práctica do contrabando.
A vila é de orixe medieval, xa documentada no século XII, que xunto
ao desaparecido Castelo dá Piconha ocupaban esta zona de fronteira.
Pitões dás Júnias é un dos pobos situados a maior altura de Portugal, esta vila pertence ao concello de Montalegre, no distrito de Vila Real, dentro do Parque Nacional Peneda-Gerês, moi perto da Raia e polo tanto de Galiza . A súa orixe está relacionada coa fundación do Mosteiro de Santa María de Junia, do século XII, construído sobre unha ermida prerrománica do IX. Este mosteiro puido exercer unha función de apoio aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela, aínda que a documentación existente é moi escasa o que dificulta o coñecemento da súa historia.
O pobo mantén o seu aspecto antigo, conservando os edificios de pedra nas súas rúas de armazón medieval. Aínda é posible observar algunhas pallozas típicas con teitos de palla e gozar da súa arquitectura tradicional, exemplos son o Forno comunitario, que aínda hoxe está en uso, un museo etnográfico móstranos as diversas actividades que realizou e aínda realiza a poboación da vila, Un muíño restaurado, tamén comunitario, indícanos como se realizaba a labor da muiñada. Existen na localidade outros edificios relixiosos de interese como A Igrexa barroca de San Rosendo, ou as capelas do Anxo Custodio e de San Juan da Fraga. Moi preto da aldea sitúase o Mosteiro de Santa María de Júnias, do camiño que leva ao mosteiro, pouco antes de chegar a este, sae un ramal que leva á fervenza que leva o mesmo nome da poboación, o acceso ao miradoiro dende o que se ve esta fervenza faise a través dun pasadizo de madeira de máis de 200 escaleiras, este enclave deu orixe a múltiples lendas da zona.
A carón da Raia con Portugal sitúase o Couto Mixto, foi unha República Galega esquecida, o escritor LUIS MANUEL GARCÍA MAÑÁ recupero a súa memoria remexendo nos arquivos galegos e nos de
fóra. As orixes do Couto Mixto teñen similitude coas de Andorra, a sorte histórica dos
MIXTOS non foi a mesma, o Couto Mixto foi abolido
por unha Lei de Lindes no ano 1864. Hoxe, a poboación destas tres parroquias, MEAUS, SANTIAGO E
RUBÍAS, está leda deste pasado. Estes territorios arraianos están asentados entre Galicia e Portugal e son considerados como zonas de
montaña en ámbolos dous países, case tódalas súas
aldeas están situadas entre os 850 e os 1000m de altitude. Este territorio está situado no término municipal de Calvos de Randín, nunha planicie na que abundan ríos e regatos que crean as condicións para que xurda unha vexetación variada e abundante, tamén alimentan o encoro de Maus de Salas, moi preto deste atópanse dous Dolmens, A Casiña da Moura e A Casola do Foxo. Moi cerca, o outro lado da Raia, sitúase o pobo portugués de Tourén, a poucos quilómetros atopamos a vila medieval de Montealegre, presidida polo seo castelo. Cerca, tamén, da fronteira atópase a vila de Pitoes das Júnias, conxunto rural de moito interese, os restos dun mosteiro e unha fervenza son lugares a visitar.
Alfombras florais de Bueu, o mesmo que en outras localidades de galiza, esta práctica está ligada ás celebracións relixiosas coma a do Corpus, podería situarse a finais da década de 1940 e cara a
1950, dado que, no caso de Bueu, asfáltase a rúa Ramón Bares que ata entón
era un camiño de terra. Ao longo das seguintes décadas foise
configurando a festa tal como se coñece hoxe. Ademais de pétalos utilízanse moitos outros produtos vexetais, como trigo ou centeo e mesmo sal de cores. Outra das tradicións de Bueu era o desfile de carrozas, mentres existía a antiga carpintería da fábrica de Massó, hoxe desaparecida. En lugares coma Ponteareas a orixe relacionase coa enchedura das fochancas das rúas polos veciños con pétalos de flores.