Translate

24/03/13

"Arqueixal", un modelo a apoiar


Na parroquia de Albá, concello de Palas de Rei (comarca da Ulloa) sitúase unha explotación agro-gandeira familiar que ten como lemas: O aproveitamento dos recursos propios, a calidade dos produtos que elaboran, a produción con estritos criterios ecolóxicos, a mínima dependencia do exterior, así como unha optimización dos beneficios ao reducir os intermediarios.
Na propia aldea contan, tamén, con instalacións de turismo rural.
A distribución de leite e iogures faise en envases de vidro (retornables ou reutilizables).
As técnicas que utilizan baséanse en coñecementos tradicionais. 




 
   

18/03/13

“Pontevedra é boa Vila”


"Pontevedra é boa vila
da de beber a quen pasa
a fonte da ferrería
San Bartolomeu na Praza"

Un paseo por Pontevedra, un dos nosos días grises e chuviñosos, amósanos un espazo da nosa memoria colectiva; prazas, cruceiros, fontes, pazos, esculturas, igrexas, granito, café, viño, comida, copas. Un espazo para as persoas.

15/03/13

Ares, Montefaro, entrada ría de Ferrol

A vila de Ares, está situada á entrada da Ría de Ares-Betanzos, en pleno Arco Ártabro. Cerca, cara ao norte, atópase o Mosteiro de Santa Catarina, en moi bo estado de conservación. Mais arriba sitúase o bico de Montefaro, onde antigamente situarían fachos para sinalizalo, hoxe atópanse restos de antigas instalacións de baterías de costa, en mal estado de conservación, tamén están situadas antenas reemisoras de telefonía, radio e tv. Este monte flanquea a Ferrol polo sur. Dende este punto temos unhas vistas espectaculares, especialmente da entrada da Ría de Ferrol e dos castelos de A Palma e San Felipe, estes, controlaban o acceso ao interior.   

09/03/13

Salzburgo, música e chocolate

A Cidade de Salzburgo pertence a Austria, está situada ao sur de Alemaña, non moi lonxe de Múnic . Caracterizase polas súas paisaxes e, tamén, polo encanto das súas rúas. Sorprende a presencia da imaxe de Mozart en toda a cidade, especialmente nas caixas de bombóns. A verdade é que merece a pena visitala.

   

02/03/13

Redes, (Ares, A Coruña) Costa Ártabra

A aldea mariñeira de Redes, pertence ao concello de Ares. Está situada preto da estrada que une Cabanas con Ares. Esta aldea representa un dos conxuntos arquitectónicos tradicionais mais bonitos e mellor conservados. Pasear polas súas rúas. Contemplar as paisaxes da ría. Sentir a brisa mariña, mentres tomamos unha cervexa nas terrazas do porto. Mellor experimentalo.

25/02/13

Camiñata por terras de Lousame

Comezamos a camiñata, por terras de Lousame, no mosteiro de Toxos Outos. A auga dos ríos, San Xusto e Vilacoba, danos a benvida e acompáñanos ao longo de case todo o percorrido. Especialmente fermoso pareceume o último tramo do Vilacoba, antes de empezar a conquista do monte Colou. O tramo final, un pouco empinado, puxo a proba a nosa forma física. Claro que con boa compaña e ante as vistas da ría de Muros e Noia, as dificultades fanse mais levadeiras.
Gustaríame que o país fose mellorando os aspectos paisaxísticos, tamén noutros moitos, monocultivo de eucaliptos, mantemento da infraestrutura dos roteiros, non romper a estética do noso medio rural, entre outros.
Quixera, tamén, referirme á necesidade de gozar dos recursos do noso país. Pero non nos podemos esquecer da inxente cantidade de persoas que están sufrindo unha situación económica e social desesperante, e que todas/os estamos no mesmo barco. Sumémonos, logo, co resto das persoas, ás mobilizacións, para que haxa peixe para todo o mundo.


23/02/13

Pantallas de Xinzo da Limia

O mais representativo do entroido de Xinzo da Limia son as “pantallas”. Persoas disfrazadas coa vestimenta propia do entroido desta vila.As pantallas percorren as rúas da vila golpeando as vexigas, facendo soar as campiñas e emitindo un bruído coma o dun animal para meter medo. Teñen prohibido tocar ás persoas. Para que alguén non disfrazado, pague unha ronda de viño, danzan ao seu redor facendo ruído.




As partes que compoñen o disfrace son:

A pantalla; é o nome en se lle da á carauta, esta dálle nome ao conxunto. Faise de cartón, papel, feltro, fariña, auga e pintura. A pantalla faise nunha soa peza, que logo se encaixa na cara e cabeza collendo forma de gorro que remata na parte frontal. Ten cara de diaño, cos cornos incluídos, con cara de sorna. A parte de arriba adórnase con motivos astrais ou animais. Uns flocos fan a función de barba e unha tea, a percalina, colga polos lados.




Vestimenta; A vestimenta da pantalla está composta por:
Camisa e calzón brancos.


Capa vermella ou negra da que colgan cintas de distintas cores.


Vexigas de vaca, secas e inchadas.



Polainas e zapatos negros.


Pano vermello ou azul


Faixa vermella na cintura.


Cinto cheo de campaíñas, que soan cando se moven.


Desfile: O martes de entroido, as pantallas, desfilan polo centro da vila, batendo as vinchas, danzando e facendo ruídos estraños.


17/02/13

Os Milagres de Caión


Cada ano celébrase na localidade de Caión, que pertence ao concello da Laracha, a romaría dos Milagres de Caión. Celebración relixiosa á que acoden moitas persoas crentes, buscando consolos a situacións imposibles, como di o nome. Tamén acoden persoas interesadas por coñecer a realidade sociolóxica e paisaxística do país.
Unha camiñata polos arredores, supón unha regalía para os sentidos: Paisaxe mariño, froitos da terra, illas Sisargas, aldeas dos arredores, animais tomando o sol e un sen fin de pequenas sorpresas.