Translate

19/05/17

Os Andrade, Betanzos, Monfero


Os Andrade, Betanzos, Monfero. Galiza foi unha zona de duro feudalismo, uns dos seus representantes foron Os Andrade, a Nuño Freire de Andrade quedoulle o alcumo de  "o mao", isto da idea de como foi a súa política.
 

Nuño foi administrador de xustiza implacable e sacoulle aos seus vasallos todos os impostos e rendas de que foi capaz. 

Foi aliado das monarquías Casteláns coas que colaborou, por isto aumentou impostos e cargas ate que o fidalgo Roi Xordo pon de acordo a líderes das localidades do Señorío, e tamén a moitos campesiños, que por primeira vez participan nun levantamento conxunto de campesiños e vilegos. 


Miles de persoas do territorio comprendido pola Coruña, Pontedeume, Villalba e Ferrol reúnense na irmandade, Irmandiña Funsquella, para desfacerse do seu Señor Nuño Freire. Uns dez mil vasallos, armados unha maioría deles só de paus e fouces, dedicáronse a destruír viñas, hortas e casas fortes dos Andrade. En Compostela foron derrotados polos exércitos da igrexa e o do propio Nuño.
Máis tarde outras irmandades seguirían o seu exemplo. 

Se queres ver as fotos pincha aquí.


Se queres ver o vídeo pincha aquí.





12/05/17

Igrexa abacial de Meira, Lugo



A igrexa abacial de Santa María de Meira, Lugo, formaba parte do Mosteiro de Santa María de Meira, Lugo, foi un cenobio fundado polos condes de Sarria na quinta década do século XII nun territorio virxe, como era preceptivo, preto das fontes do Miño.


A igrexa é un templo románico sobrio e de gran monumentalidade. Posúe trazas cistercienses, como se pode ver nas bóvedas da nave central, de medio canón, apuntado ás laterais, con bóveda de aresta.

Dende o exterior o seu aspecto é de horizontalidade, algo que adoita ser común nas igrexas cistercienses, debido á gran lonxitude do corpo da igrexa e en ocasións a que os muros adoitan estar algo cravados ou refundidos respecto ao chan circundante. 


No interior a sensación é de verticalidade, aínda que menor que nas igrexas románicas de peregrinación como a de  Compostela ou as catedrais góticas.

No exterior e na fachada occidental destacan os estribos aliñados aos soportes das naves. Cara ao oeste sitúase un gran rosetón e unha porta de arquivoltas de medio punto, un tímpano sen esculpir e tres parellas de columnas con detalles vexetais moi elaborados. Na cara este sitúanse os asides, parcialmente cubertos, nos que destacan uns canzorros e os decorados das ventás.

Do resto de dependencias monásticas orixinais consérvanse restos como algún muro do que fose claustro renacentista e que hoxe é sé do concello ou unha fonte, situada no patio interior.


Se queres ver as fotos pincha aquí.

Se queres ver o vídeo pincha aquí.

05/05/17

Castro de Viladonga, Castro de Rei



O Castro de Viladonga (Castro de Rei - Lugo) é un dos máis importantes de Galiza, dado que foi habitado durante máis de 8 séculos, isto permite obter moitos datos da cultura galego-romana, foi declarado BIC.

Atopouse un torque de ouro en 1911, isto motivou que se empezaran a realizar escavacións en 1972. Desde entón a recuperación de materiais, actividades de conservación e limpeza foron continuos.

Ocupa un outeiro con vistas á Terra Chá e as montañas de Monciro, Pradairo e Meira.

A croa está protexida por un total de catro muros de pedra e terra. No momento de máxima ocupación poderían habitar a aldea ata 250 persoas.
Foron atopados numerosos obxectos feitos de bronce e ferro, muíños, apeiros agrícolas e anacos de cerámica. 

O asentamento tivo a súa orixe entre os séculos II ou I a.C. aínda que o seu esplendor, sitúase entorno a os séculos III e V, considerase un exemplo de integración da cultura romana e Celta en Galicia.

Ao lado do castro sitúase un edificio, construído en 1986, no que se aloxa un museo que conserva os elementos atopados no castro.


Se queres ver o vídeo pincha aquí 



03/05/17

Río Sarela, tramo medio



Este percorrido polo Río Sarela introdúcenos nunha zona de bosque e no que perdemos o contacto visual coa cidade, pese a estar moi preto, esta camiñada permite o  descubrimento eo contacto directo coa natureza. 

O camiño, ben conservado, transcorre paralelo ás augas do Río Sarela e permite comprobar a importancia histórica que tiveron as canles fluviais na nosa economía e no noso ocio: pontes, regos, canais, muíños, lavadoiros, fábricas de curtidos... Estas últimas tiveron un papel moi relevante no desenvolvemento económico da cidade desde mediados do século XIX ata a metade do XX, tal e como queda patente ao longo deste percorrido que comeza nunha destas construcións fabrís, a da Ponte Sarela, e remata na do Carme de Abaixo.

Ao longo do sendeiro pódense ver numerosas especies vexetais típicas das ribeiras galegas: carballos, ameneiros, bidueiros, salgueiros, loureiros, etc.

Na primavera tamén podemos escoitar os variados sons da fauna que habita estas paraxes.


Se queres ver as fotos pincha aquí 

Se queres ver o vídeo pincha aquí



21/04/17

Sobreiral do Arnego



O Sobreiral do Arnego é un espazo natural que está situado, na súa maior parte, no concello de Agolada, outras partes deste sobreiral atópanse en zonas limítrofes dos concellos de Lalín e de Vila de Cruces. 


É unha area forestal, no val do río Arnego, formada, na súa maior parte, por sobreiras (Quercus Suber), esta especie é propia dun clima máis suave, máis logrou adaptarse e ao val do río Arnego, dado que ten unhas condicións climáticas favorables. O curso do río Arnego e o val de Carmoega posúe un microclima específico con temperaturas mornas ao longo de todo o ano.
 

A conservación deste enclave natural foi posible pola implantación de medidas especiais para a súa protección: inclusión na Rede Natura, considerado coma LIC (Lugar de Interese Comunitario). Está, polo tanto, amparado polas medidas de protección asociadas a estas figuras.

Á beira do río Arnego podemos ver os restos de varios muíños, nun estado evidente de abandono, sería desexable un plan de consolidación de estas construcións tan populares.  

É de destacar o traballo desenvolvido pola rede de custodia Ulloa-Arnego.

Se queres ver as fotos pincha aquí.

Se queres ver o vídeo pincha aquí.




14/04/17

MUSEU MARÍTIM DE BARCELONA


O Museu Marítim de Barcelona, atópase no edificio das Atarazanas(Estaleiro) Reais de Barcelona, que durante os séculos XIII a XVIII foi un espazo destinado á construción naval.

O Museo Marítimo creouse o 23 de outubro de 1936 cunha biblioteca e unha colección de modelos e instrumentos co nome de Museo ou Gabinete Naval pero non chegou a abrir as súas portas ata o 18 de xaneiro de 1941, debido aos bombardeos da guerra civil do ano 1936.
 

Desde o ano 1999 o Museo achegouse máis á cidadanía, alugando espazos para diversos actos culturais como exposicións e actividades pedagóxicas.

O edificio que alberga o Museo Marítimo é de estilo gótico. A entrada realízase por un portal de medio punto formado con dovelas. O interior do edificio está formado por dez naves góticas integradas por pilastras rectangulares duns seis metros de altura. En 1985 realizáronse novos cambios, aumentando a superficie de exposición.

Os temas expostos son variados: Unha reprodución da Galera Real de Juan de Austria(barco característico da Batalla de Lepanto), reprodución da Santa María(a nave que dirixiu Cristóbal Colón), un conxunto de faros, barcos de vela tradicionais, unha importante mostra de xoguetes relacionados con actividades marítimas, reproducións a escala de diversos tipos de embarcacións, fondos arqueolóxicos como ánforas, ancoras, armas e pezas de artillería, no exterior sitúase unha replica do ictínio.


Tamén programan exposicións temporais.


Se queres ver as fotos pincha aquí.

Se queres ver o vídeo pincha aquí. 





03/04/17

O parque de S.Pedro, Coruña


O parque de S.Pedro na Coruña é un dos miradoiros privilexiados da cidade proporciona vistas que van dende as illas Sisargas e Malpica ate o cabo prior, incluídas as rías de Coruña e O Burgo, Betanzos - Ares - Sada, Entrada da de Ferrol.
Tamén permite unha vista da cidade e do seu entorno, esto axuda a fixar a configuración e orientación, dado que o mar rodéaa completamente.

Hai referencias de que este monte forma parte dunha duna fósil, 28.000 anos. A área foi dedicada á agricultura e gandería.
 

Entorno ao século XVII, realizouse un acueduto para levar a auga dun manancial deste monte á cidade, levaba a auga ata as fontes da Praza de Santa Catalina e Praza da Fama.

No 1912 o monte pertence a Coruña, neste ano o concello de Oza (ao cal pertencía a parroquia de San Pero de Visma onde se sitúa o monte) ten lugar a integración no concello de Coruña.

No 1920 pasa a ser propiedade do exército, dada a situación privilexiada do monte, e instálanse os emblemáticos canóns que son a representación do monte de San Pedro a día de hoxe.

Coa resolución dos conflitos bélicos, e as novas tecnoloxías militares, a función dos canóns perde o seu sentido e é entón cando os terreos volven a formar parte do concello da Coruña, empeza a rehabilitación da zona e súa transformación nun parque con múltiples posibilidades de ocio, no que se integraron os restos das instalacións militares.


Para ver as fotos pincha aquí. 

Para ver o vídeo pincha aquí.
 




 


31/03/17

REDES, ARES



A vila mariñeira de Redes, concello de Ares, está rodeada polo mar, as súas casas pintadas de cores diferentes, moitas de claro estilo modernista, teñen o mar tan preto que aparece por calquera oco ou balcón das súas rúas.

Unha característica desta vila, que comparte con outras vilas de Galiza, é que cada casa situada preto da auga ten, a parte que dá ao mar, unha escaleira que leva á praia, onde están ancorados os barcos cando a marea sobe, cando esta baixa os pequenos barcos quedan varados na area.


Destacan unhas estruturas de madeira, situadas nas praias, que se utilizan para secar as redes, utilizadas polas persoas que van á pesca.

Partindo da praza de redes e dando un paseo pola Rúa Nova chegase ao club náutico e a punta do Castelo, onde aínda se poden ver os restos dun castelo defensivo, tamén se poden contemplar as vistas da ría, a ponte do ferrocarril Coruña-Ferrol, a praia de Cabanas e costa de Pontedeume.

Para ver as fotos pincha aquí.

Para ver o vídeo pincha aquí.