Seavia é unha parroquia do concello de Coristanco, comarca de Bergantiños, nela sitúanse lugares con grande significación, artística, histórica e paisaxística.
Un dos lugares é o lugar de Nogueira onde se sitúa a "Torre de Nogueira'', xunto coa casa anexa, forma parte dun antigo pazo construído pola familia Bermúdez de Castro no século XV.
Esta Torre está declarada BIC, é unha das mostras máis representativas da arquitectura civil medieval da comarca de Bergantiños.
Orixinariamente existían dúas torres hoxe só se conserva unha, engadida aos restos do que foi o corpo principal do pazo.
A Igrexa de Seavia é un dos templos máis importantes do municipio de Coristanco. A súa orixe é medieval como se pode ver nos canzorros románicos das paredes laterais así como nun rosetón. Nunha banda da súa fachada situaron unha torre campanario barroca. Esta igrexa orixinalmente formaba parte dun antigo mosteiro.
No adro da igrexa de Seavia atópase un mural adicado a Asunción Antelo, a Rexoubeira de Bergantiños, feito polo artista Miguel Anxo Calvo, “O Mighelo”, esta veciña do lugar de Sergude, foi poetisa, escultora, labrega, muller de Bergantiños.
Magoa que o seu museo non estea mellor indicado, con horario publico de visitas. Unha mostra da súa poesía: Nas noites longas de inverno
boas fartas me pegaba,
escribindo neste libro
sentada na miña cama.
Con traballos e desvelos
escribín este libriño
para lle deixar de regalo ós fillos de Bergantiños. Para ver as fotos pincha aquí:
A fundación atribúese Airas Peres, aínda que unha lenda conta que se debe a un grupo de mulleres da familia de Arias de Monterroso, aparecen representadas nas capelas da nave maior. De aí viría o nome de Donas.
As orixes datan do século XII. No mesmo século, foi doado á orde de Santiago no ano 1148. A igrexa foi construída no ano 1224, segundo unha inscrición situada no cargadeiro da portada sur.
A súa fachada componse dunha portada dividida por dous contrafortes. As arquivoltas atópanse decoradas con iconografía da época románica. De costado á portada construíuse, posteriormente, o claustro do mosterio do que hoxe só quedan uns arcos.
No interior da igrexa atópanse túmulos, onde se enterraron cabaleiros de Santiago no século XII. destacan as pinturas góticas que decoran o altar maior, nestas represéntanse motivos relixiosos. Estes frescos foron creados para conmemorar o ano santo xacobeo do 1434. Atópanse, tamén, esculturas góticas e retablos de pedra.
Vila Nova de Cerveira, é unha vila situada na rexión norte de Portugal, na Ribeira do Río Miño con grande actividade artística. Está situada na ruta portuguesa do Camiño de Santiago.
Ao longo da ribeira do
Miño atópase unha Ecopista, unha proposta de Vila Nova de Cerveira, para
recuperar a contorna e crear un espazo natural. É un longo paseo que vai
desde a Praia da Lenta ao Parque de Lazer do Castelinho e a Praia dá
Mota.
Este paseo está separado da vila e da feira pola vía do tren, esta pode cruzarse por distintos pasos situados por debaixo da vía.
Un dos puntos de interese desta vila é a súa feira que se celebra todos os sábados. A feira ou mercado está dividido en rúas onde adoitan predominar unha serie de produtos, calzado, roupa, vaixelas, plantas e árbores froitais, móbeis, zocos, ferramentas, útiles de labranza, e todo un sin fin de produtos. postos de froitas e verduras están situados no mercado de
abastos da vila, situado nun lateral do campo da feira.
Modernismo en Compostela. O modo construtivo chamado Modernismo tardou en chegar a Galicia, e chama a atención que fose en Compostela, cidade con un peso moi importante da igrexa e polo tanto conservadora, que se opuxo ao modernismo por ser un arte no que se reflicten modos de vida relaxada, pracenteira e de influencias estranxeiras.
Foi o arquitecto López do Rego quen realizou, en 1905, dous dos primeiros edificios modernistas de Galicia: o edificio número 6-8 do Preguntoiro, e a vivenda para o escultor Ramón Núñez, no 10 de Tras do Pilar.
Durante os anos seguintes esta nova maneira de facer a Arquitectura foi deixando as súas pegadas en Compostela. Foron edificios encargados por profesionais liberais, artistas ou comerciantes, que se identificaban con esta nova maneira de expresión. Sen chegar a ter o reflexo que tivo nunha Cataluña máis industrial e polo tanto liberal.
As mostras máis destacadas deste estilo construtivo en Compostela son: "Pavillón de Recreo Artístico e Industrial" para a Exposición Rexional Galega de 1909 (hoxe escola infantil Santa Susana), na Ferradura. A vivenda do nº32 de O Pombal. As vivendas do Preguntoiro nº6-8. Das casas Reais nº19. A vivenda para o escultor Ramón Núñez, no nº10 de Tras do Pilar. A derruída sede do Castromil, na praza de Galicia. E todo un conxunto de vivendas onde se nota a influencia desta corrente artística.
Rota do Río Barbantiño é unha senda con distintos centros de interese, naturais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, etc, todos eles ligados á cultura da auga.
Transcorre polos concellos de: Punxín, Maside e Amoeiro, estes últimos separados polo
Barbantiño.
Desde hai séculos a auga do Barbantiño foi unha gran fonte
de recursos para os habitantes da comarca. Proba diso, é a presenza de
numerosos muiños e canles situados ás súas beiras. O acceso a
estas edificacións facíase por unha serie de carreiros, con tramos irregulares, que posibilitaban o transporte do grao e o paso de persoas.
Hoxe estes camiños forman parte da rota, acondicionada e accesible á moitas persoas, Escaleiras,
pontes, e varandas facilitan o paseo polas beiras do río.
Na parte alta do percorrido, uns muíños, consolidados e ben conservados, permiten ver as distintas partes destes, o rodicio á queira e demais compoñentes. Deste lugar sae unha pasarela metálica que conduce cara a unha gran fervenza, con numerosas pozas e pequenos saltos de auga. Este medio natural foi sometido a diversas agrións naturais, liña de ferrocarril que unía Ourense e Santiago, a finais dos 90 unha presa minguou as capacidades naturais do río e da súa fauna. Unha nova ponte do AVE, tamén na súa dirección Santiago engade unha nova modificación da paisaxe.
O Monestir de Pedralbes , Barcelona,
consta de varias dependencias.
A igrexa, dunha soa nave, con capelas laterais entre os contrafortes e
cuberta de bóvedas de crucería é un exemplo do gótico catalán e a
arquitectura mendicante.
A cociña, Utilizada desde o século XIV ata o ano 1983, é un
testemuño dos usos e costumes ao longodo tempo.
O claustro, e o elemento central que vertebra o espazo do mosteiro, é considerado o
claustro gótico máis grande do mundo, consta de dúas galerías con vinte e
seis columnas a cada lado.
A sala capitular era o lugar de reunión da comunidade. Construída en
1416, a sala destaca polas vidreiras policromadas, as esculturas e os paneis pintados.
A abadía é un dos poucos espazos conservados do sigo XIV que preserva
parte da decoración mural de principios do século, no que foi construída.
O refectorio era o espazo onde as monxas comían, en silencio. Modificado
ao longo dos séculos, o seu aspecto actual débese á reforma do século
XIX.
Palau Reial de Pedralbes, é un
edificio situado no medio dunha ampla zona de xardíns, no Distrito de
Lles Corts, en Barcelona e agora sé da Unión para o Mediterráneo.
Durante 1919-1931 foi a residencia da Familia Real Española nas súas
visitas á cidade. Actualmente o Palacio alberga o Museo de Cerámica e o
Museo de Artes Decorativas.
Na zona existen chales, urbanizacións, xardíns e zonas verdes, onde viven as persoas acomodadas de Barcelona.
Partes da Cidade Vella de Barcelona: A Catedral da Santa
Creu i Santa Eulàlia, tamén chamada Seu é a catedral gótica de Barcelona, sé do Arcebispado de
Barcelona.Foi construída
durante os séculos XIII a XV sobre a antiga catedral románica, esta á súa vez sobre unha igrexa da época visigoda á que precedeu
unha basílica paleocristián, cuxos restos poden verse no subsolo, no
Museo de Historia da Cidade.
A fachada, no
mesmo estilo, é moito máis moderna (século XIX). O edificio é
Ben de Interese Cultural e, desde o 2 de novembro de 1929, Monumento
Histórico-Artístico Nacional. Na rúa de aceso á catedral destaca unha ponte cun balcón de inspiración gótica, neogótico de 1928.
A Plaça de Sant Jaume. Hoxe é a sé do Ajuntament de Barcelona e do goberno da Generalitat de Catalunya. Foi o Fòrum ou centro público e político en época romana, medieval e segue aselo na actualidade.
O Palacio da Generalitat foi construído en estilo gótico, aínda que a fachada principal que dá á praza é de época renacentista, e foi proxectada polo mestre catalán Pere Blai.
Xusto en fronte sitúase o edificio, tamén gótico, aínda que con fachada neoclásica, do Ajuntament, (Concello) obra do século XIX de Josep Mais i Vila.
Os arredores da Plaça de Sant Jaume están repletos de lugares de interese e rúas que se estenden polo centro da cidade, entre as
que destaca a Carrer do Bisbe, que une a Praza de San Jaime coa Catedral
de Barcelona.
A Basílica Menor de Santa María do Mar, comezouse a construír en 1329, a poboación do barrio mariñeiro acorda que a obra sería costeada, ben co seu diñeiro ou ben co seu traballo, exclusivamente polos veciños da zona do porto e da Ribeira. Este feito está en clara contraposición á Catedral que por aquelas mesmas datas tamén se estaba construíndo e que estaba asociada á monarquía, á nobreza e ao alto clero.
Os descargadores do peirao teñen unha mención especial na porta principal, chamados galafates da Ribeira ou bastaixos, os cales levaron a cabo as labores de traslado das pedras para a construción da igrexa.
A basílica de Santa María do Mar foi protagonista da novela de Ildefonso Falcones, A catedral do mar, e tamén aparece en outras obras literarias.
Dada a necesidade de ampliar o anterior hospitalde Santa Creu, e unha vez recibido o legado do banqueiro Pau Gil, que doou parte da súa fortuna para construír un novo hospital en Barcelona dedicado aos pobres, construíuse o modernista Hospital da Sant Creu e Sant Pau.
O encargo para este novo hospital de Sant Pau recaeu no arquitecto modernista Lluís Domènech i Montaner, catedrático de Arquitectura e como tal orientaba os criterios de como debía ser o modernismo catalán.
Lluís Domènech i Montaner planeou a construción dun gran hospital que ocuparía 9 mazás do barrio do ensanche.Estudou os grandes hospitais europeos para facer un complexo de vangarda, que ademais de hixiénico e funcional, tiña que ser bonito, inspirándose na natureza e na historia catalá sempre que fose posible.
O plan inicial constaba de 48 edificios (ao final construíronse 27), separados para evitar contaxios. En cada un destes edificios trataríase unha especialidade médica diferente, identificándose cada un por un santo ou virxe, segundo de que fosen avogosos para esa especialidade, que presidía cada porta. Ademais, se era un santo significaba que no pavillón atendíanse homes, e se era unha virxe ou santa tratábase a mulleres. O proxecto de Lluís Domènech i Montaner iniciou a súa construción en 1902 e alargouse durante 28 anos, neste tempo falece o propio arquitecto, continuando coa obra o seu fillo, Pere Domènech i Roura. En 1930 terminouse a obra orixinal, 13 edificios modernistas ideados por Lluís Domènech i Montaner e 6 dun modernismo moderado creados polo seu fillo.
O hospital de Sant Pau estivo en funcionamento neste peculiar complexo durante 8 décadas. En 2009 trasladáronse as instalacións a un moderno edificio na mesma mazá.
Este inmenso recinto modernista acusou o paso do tempo. Tras varios anos de restauración, o Hospital de Sant Pau abriu de novo as súas portas, pero esta vez como espazo cultural e turístico.