Translate

13/01/17

Parc Güell 1



O Parc Güell é un xardín no que se sitúan elementos arquitectónicos realizados polo arquitecto Antonio Gaudí, unha das súas obras máis significativas.

O parque debe o seu nome a Eusebi Güell, un empresario interesado polas obras de Gaudí que actuou como o seu principal mecenas. Aínda que a idea principal era construír un conxunto residencial de luxo, esta idea foi abandonada e no seu lugar construíuse un parque que pode ser o escenario dun conto.

Este parque foi inaugurado en 1922 e desde entón converteuse nun dos principais lugares de interese turístico da cidade. En 1984 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Conta cunha extensión de máis de 17 hectáreas, sitúanse nel construcións con  formas onduladas, columnas con aspecto de árbores, figuras de animais e formas xeométricas. A maior parte das superficies están decoradas con mosaicos realizados con cachiños de cerámica de cores.

O arquitecto, inspirado nas formas da natureza, dotou ao parque dunha impresionante creación ornamental na que non existen a rixidez nin o clasicismo. 


O espazo central do parque é unha gran praza na que se atopa un banco de 110 metros de lonxitude, con aparencia de serpe recuberta por pezas de cerámica.

No recinto do parque atópase a casa Museo Gaudí, na que residiu o arquitecto entre 1906 e 1925. 


Se queres ver fotos pincha.

06/01/17

Mosteiro da Batalha, Portugal




O Mosteiro de Santa Maria da Vitoria, tamén chamado Mosteiro da Batalha é unha das obras máis importantes da arquitectura portuguesa e mesmo europea.

Este conxunto arquitectónico foi o cumprimento dunha promesa feita polo rei D. João I en agradecemento pola vitoria en Aljubarrota, batalla que tivo lugar o 14 de agosto de 1385 e que asegurou a independencia de Portugal.

As obras prolongáronse por máis de 150 anos, a través de varias fases de construción. Esta duración posibilitou a mostra das distintas solucións e tendencias artísticas, góticas (a que predomina), manuelinas e algunhas mostras de estilo renacentista.
 

Varias dependencias foron introducidas no proxecto inicial, que tivo como resultado un conxunto monástico que actualmente presenta: unha igrexa, dous claustros con dependencias anexas e dous panteóns reais, a Capela do Fundador e as Capelas Imperfectas.

E Monumento nacional e Patrimonio da Humanidade dende 1983.




Se queres ver as fotos pincha.

30/12/16

Castelo de Santa Cruz



O Castelo de Santa Cruz está situado no Concello de Oleiros. Enclavado nun illote da ría da Coruña ao cal se accede por unha pasarela peonil de madeira. Foi declarado Ben de Interese Cultural. 


A illa conta ao seu arredor cun paseo litoral dende o que se pode ver A Coruña,  Santa Cruz e o seu pequeno porto, este foi un dos máis importantes de Oleiros entre os séculos XVI a XVIII.

O ataque da Armada inglesa, baixo o mando de Sir Francis Drake no 1589, puxo de manifesto a necesidade de afianzar o sistema defensivo do porto da Coruña. dado que era o Castelo de San Antón o único baluarte de defensa do porto da Coruña. 


Comeza a construción desta fortaleza no S. XVI do na illa de Santa Cruz, enfronte da cidade da Coruña. En 1640 remátanse as defensas e dotase con distintas pezas de artillería.
O sistema defensivo da Coruña, queda formado polos Castelos de San Antón, Santa Cruz, e un terceiro, o Castelo de San Diego, hoxe desaparecido. 


Posteriormente o Castelo de Santa Cruz foi abandonado e no S. XIX mércao D. Xosé Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán, quen mandou construír un pequeno pazo de verán. 

O compromiso ambiental do concello de Oleiros levouno a mercar este Castelo e, xunto con Consellería de Medio Ambiente, Universidade da Coruña e o propio Concello de Oleiros, puxeron en marcha o CEIDA. Como sede do CEIDA, o Castelo de Santa Cruz acolle actividades de formación, divulgativas, de cooperación, exposicións, etc. e tamén alberga o Centro de Documentación Domingo Quiroga, especializado en temática ambiental.



Se queres ver as fotos pincha

23/12/16

Menhires pola Paz no Campo Da Rata








O Campo da Rata é un espazo situado no parque da Torre, A Coruña cidade, nel tvo luar a execución de moitas persoas, nacionalistas, sindicalistas, republicanas/os ou mesmo xente progresista, hoxe sitúanse varios monumentos que recordan este triste feito. 


Un dos monumentos é un conxunto de Menhires (Manolo Paz). Este grupo escultórico de doce pezas que representan un grupo familiar, segundo os seus tamaños, os máis altos, o pai e a nai, e os demais, máis pequenos e variados, representan aos fillos. 


Esta obra está situada non lonxe da Torre, preto da costa e do Cemiterio dos Mouros. 

Os doce menhires teñen unha posición estratéxica. A cada un se lle realizou unha abertura pola cal se pode ver o mar, a Torre, ou o atardecer. O menhir é unha pedra sen pulir chantada verticalmente. 



16/12/16

Parc de la Ciutadella, Barcelona


Este parque foi construído sobre os terreos da antiga fortaleza da cidade, con motivo da Exposición Universal de 1888. Cunha extensión de máis de 17 hectáreas que se estenden sobre o barrio de Ciutat Vella, o parque compón un dos principais pulmóns da cidade e un oasis afastado do tráfico e as présas.
Trala Guerra de Sucesión Española Felipe V ordenou a construción desta cidadela, para o que se derribaron as casas da zona e máis de 4.500 persoas foron desaloxadas.

Trala Revolución de 1868 a cidadela foi demolida e só se conservaron a capela, o Palacio do Gobernador e o arsenal, que actualmente é a sé do Parlamento de Cataluña.

Con motivo da Exposición Universal de 1888 tivo lugar a construción do parque, obra na que colaborou Antonio Gaudí.

Elementos destacados do parque son unha importante fervenza, que cae a tres alturas enmarcada nun enorme conxunto monumental, o edificio do Castelo dos Tres Dragóns, que na actualidade funciona como Museo de Zooloxía.

Ademais disto o parque conta con extensas áreas axardinadas, monumentos, arboredos, un lago, un invernadoiro e o Zoolóxico de Barcelona.

Nunha das entradas ao parque atópase un importante paseo, decorado con farois modernistas, no que se sitúa o Arco de Triunfo.

09/12/16

Entrada á Ría de Ferrol


A Ría de Ferrol forma parte do chamado Golfo Ártabro esta é a denominación que o xeógrafo Otero Pedrayo deu ao litoral formado polas rías de Ferrol, Betanzos-Ares e a do Burgo, correspondéndose co que os xeógrafos grecorromanos chamaron Portus Magnus Artabrorum.

Ten forma alargada, orientada de oeste a leste, xúntase co océano mediante unha boca estreita, séguelle un canón angosto, unha zona ancha que segue cara a desembocadura do río Grande de Xubia onde volve estreitarse.

A entrada está delimitada polo cabo Prioriño, na parte norte, e a Punta do Segaño na parte sur, onde hai un miradoiro sobre os restos de fortificacións militares e dende o que se pode ver a entrada da ría, de aqui parte un camiño que leva a todo o longo da entrada cara o interior da ría. 


A Partir das puntas do Vispón e Redonda, a ría ábrese cara as enseadas de O Baño, Mugardos e O Seixo na súa ribeira meridional e A Malata, Caranza e As Aceas na setentrional.

A privilexiada configuración de ría determinou a súa elección como centro neurálxico da Mariña de Guerra española no século XVII.

Este feito obrigou a construír os castelos de San Carlos, San Cristóbal, San Felipe e o da Palma para a súa defensa. So os dous últimos se conservan en bo estado.

O Castelo dá Palma ou castelo de Nosa Señora dá Palma é un castelo do século XVI situado non concello de Mugardos, banda sur da entrada da ría, que formaba parte do sistema defensivo dá ría de Ferrol. Hoxe é propiedade privada destinada a ser reformado para o seu destino a servizos hostaleiros e de lecer.



No alto do Monte Faro, a o costado do castelo da Palma, atópase o miradoiro da Bailadora dende o que se divisa unha vista de toda a ría de Ferrol.


 
Se queres ver as fotos pincha







02/12/16

Mosteiro de Alcobaça, centro de Portugal




O Mosteiro de Alcobaça é contemporáneo á fundación de Portugal, moi ligado á súa historia. Fundado polo primeiro rei de Portugal, D. Afonso Henriques, naceu da doazón das terras de Alcobaça á Orde do Cister, despois de vencer aos árabes na conquista de Santarém.

Foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1989, é un exemplo de arquitectura do Cister. Estes monxes foron difusores de diversos coñecementos e técnicas, fundaron unha escola pública e difundiron distintas técnicas, entre outras as agrícolas.

Malia ós seus case 900 anos, conserva intacto o conxunto das dependencias medievais, a súa igrexa é a maior en estilo gótico primitivo construída en Portugal na Idade Media.
 

A fachada conserva orixinais o pórtico, estilo gótico, e as estatuas de San Bento e de San Bernardo. O resto da fachada é de estilo barroco xunto coas torres do campanario, engadidas no s. XVIII.

Ao entrar na igrexa impresiona a gran nave central, sen adornos. No centro de cada brazo do transepto están situadas dúas obras principais da escultura medieval, os sepulcros de D. Pedro I (1357-67) e de D. Inés, situados fronte a fronte para que se poidan reencontrar de novo o día da Resurrección, desexo de D. Pedro.


D. Pedro I e D. Ines foron dous exemplos de amor romántico con final tráxico, trasladados máis tarde á literatura.

Inés Pires de Castro, nada no reino de Galicia sobre 1320 na comarca da Limia e finada o 7 de xaneiro de 1355 en Coímbra, foi unha nobre galega amante e ao mellor esposa do futuro Pedro I de Portugal, foi executada por orde do pai deste, Afonso IV.

Inés de Castro chegou a Portugal en 1340, integrada no séquito de Constanza Manuel, que ía casar co príncipe Pedro, herdeiro do trono portugués. O príncipe apaixonouse por Inés pouco tempo despois, desatendendo a muller lexítima, Constanza, e pondo en perigo as débiles relacións con Castela.

Dado que foi un romance vivido ás claras, o rei Afonso IV, pai de D.Pedro, manda exiliar a Inés no castelo de Albuquerque, na fronteira española en 1344. Esta distancia mantivo aceso o amor entre estes dous amantes. Nese ano morre Constanza e Pedro xuntase con Inés, de volta do exilio, e van a vivir xuntos lonxe da corte, teñen catro fillos.

O rei Afonso IV ordena a morte de D. Inés, aproveitando a ausencia do príncipe Pedro, o feito ten lugar no Mosteiro de Santa Clara en Coimbra, onde se atopaba Inés. A morte de Inés fixo que Pedro se revolvese contra Afonso IV, ao que responsabilizou da súa morte, isto provocou unha guerra civil.

Co ascenso ao trono de Portugal de D. Pedro, foi o oitavo rei de Portugal en 1357. Perseguiu e doulle morte aos executores de D. Inés.
 

Pedro mandou construír dous espléndidos túmulos no mosteiro de Alcobaça, un para si e outro para depositar os restos da súa amada Inés. D. Inés foi coroada raíña de Portugal, despois de morta, por D. Pedro I.
Se queres ver as fotos pincha




26/11/16

Grutas da Moeda, Fátima, Portugal





As Grutas da Moeda localízanse en S.Mamede, Fátima. Cunha extensión visitable de 350 metros e unha profundidade de 45 metros, a temperatura media é de 18ºC. 

Descubríronse en 1971 por dous cazadores que perseguían unha raposa, desvelando a beleza das súas salas e galerías. 


Hoxe é unha atracción turística da zona, preservándose rigorosamente as súas características internas e de superficie.

As grutas da Moeda están formadas por procesos de erosión e corrosión,  posúen cristalizacións, a rocha predominante é o calcario. Segundo os estudos, estas grutas remóntanse ao período Xurásico medio.
 

Os nomes das salas que compoñen as grutas son suxestivos da imaxe que proporcionan ao visitante: Persépio, Pastor, Fervenza, Virxe, Cúpula Vermella, Marítima, Capela Imperfecta, Bolo de Noiva, Bóveda Vermella e Fonte das Bágoas.
 

No exterior existe aínda un amplo parque de merendas envolvido polo bosque, unha cafetaría e un espazo comercial. 

Di unha lenda que, hai moito tempo, andaba un home rico polo bosque cun saco de moedas cando foi atacado por ladróns, máis ao tentar fuxir caeu xunto a un penedo xuntamente coas moedas cobizadas polos asaltantes, dando nome ás Grutas da Moeda.






Se queres ver as fotos pincha