Translate

16/07/16

Ribadavia




 


Esta vila está situada entre o río Miño e a última parte do río Avia, habitan uns  5.500 habitantes, rodeada de relevos montañosos e resgardado da influencia oceánica, isto fai doado o cultivo da vide, tamén na súa contorna, entre outras: Castrelo de Miño, Cenlle, Beade, Leiro e Carballeda.

As orixes da poboación parecen romanas, é foi durante a Idade Media cando tivo o seu momento de máximo esplendor (desde 1064 ata 1071 foi a capital do Reino de Galicia) e foi neste momento cando se iniciou o cultivo da vide potenciada pola orde do Císter. Máis tarde foi vila reguenga desde 1164 ata 1375 en que pasou a ser señorío do Conde de Ribadavia. Conserva parte da súa muralla medieval, que data de 1157, xunto coas ruínas do Castelo dos Condes de Ribadavia. Conta cunha xudería ben conservada. 

Posúe un museo no que están integradas as ruínas do castelo medieval, as indicacións están deterioradas e só en castelán, tampouco hai información en galego á entrada do Museo. Deberían cuidarse estes aspectos para que as galegas e os galegos que visitamos estes lugares nos poidamos sentir augusto nos espazos do noso país e poder recomendalos, non só aos de fora senón tamén aos de aquí.  

A dous Km de Ribadavia, no val e poboación de Francelos, atópase a igrexa de San Xes de Francelos. Datada no século IX, é unha reconstrución da antiga igrexa na que integraron elementos prerrománicos da anterior construción. Foi declarada Monumento Nacional en1951. 

Na fachada están situados elementos como o arco de ferradura de influencia visigótica, as columnas con capiteis corintios e as escenas de carácter bíblico, é moi de destacar a celosía: na parte interior ten dúas flores de oito pétalos rodeadas por tres arcos de ferradura de distinta elaboración, pode ter influencia mozárabe.  


Se queres ver as fotos pincha enriba

08/07/16

Muíños do Picón e do Folón



Os Muíños do Picón e do Folón están  situados no Rosal (Pontevedra) 


Este conxunto de muíños están establecidos en dúas ladeiras do monte, Campo Do Couto, entre os lugares de Martín e Picón, aproveitan a caída de auga do río  Cal, que forma os regatos Picón e Folón, que dan nome ao conxunto destes muíños, e que son afluentes do río Carballas-Tamuxe.  

Estes muíños  están consolidados e en bo estado de conservación, o máis antigo data de 1700, este percorrido ao longo deles é empinado pero moi curto, no percorrido atopamos pequenas pontes e pasos de pedra, regatos de auga e conxuntos moi fermosos.

Hai, tamén, unha rota de sendeirismo, ben sinalizada, que discorre pola a zona. 

Na parte máis alta do percorrido hai unhas vistas interesantes do monte de Santa Tegra e da parte final do río Miño, asi como do val do Rosal. 

É de resaltar o aproveitamento da enerxía hidráulica que supuxo a construción e disposicións destes muíños, uns seguidos dos outros, onde a mesma auga movía todo un conxunto deles, a trabes dunha canalización característica, o desnivel entre eles é duns 175m.

Tamén podemos imaxinar o traballo que tubo que supoñer o transporte do grao e da fariña por estas paraxes empinadas. 



Se queres ver as fotos pincha aquí  

01/07/16

Arde Lucus



Paulo Fabio Máximo fundou, en nome do Emperador de Roma, a cidade de Lucus Augusti, catorce anos antes de nosa era, nun lugar alto e próximo ao río Miño. Lucus foi a capital do Convento Xurídico Lucense, situado ao noroeste da gran Gallaecia, que se estendía polo sur ata o río Douro. 

Esta zona do territorio tiña moita importancia para o imperio dada a cantidade de minas de ouro existentes na Gallaecia e Lucus Augusti chegaría a ser unha importante cidade provincial.

Tres séculos despois e ante a situación político e militar, levantáronse novas defensas: unha muralla de máis de dous quilómetros de perímetro, coroada por 85 poderosas torres. 

Ao caer o Imperio, a Gallaecia romana foi a base territorial da monarquía sueva, o primeiro reino que se organizou sobre as ruínas imperiais europeas. 


O paso dos romanos por Lugo deixou un importante patrimonio histórico, arquitectónico, e sobre todo lingüístico.

O contínuum lingüístico do latín, dende Roma ata á Gallaecia, deixou a semente para que as linguas do noso entorno evolucionasen e se consolidasen. 

A distancia xeográfica e temporal, sumada aos pousos lingüísticos autóctonos preexistentes e ás influencias posteriores, deron como resultado as variedades modernas: italiano, francés, catalán, castelán, portugués, galego…

O Arde Lucus, é unha festa que recrea a época dos romanos e dos castrexos, Botei en falta unha maior presencia da sociedade castrexa e autóctona, que tamén había, e tamén unha maior presencia do galego, actividades como o bautizo celta ou unha voda romana, teatro de rúa e outras moitas actividades estiveron feitas en español, o pobo que esquece a súa historia cústalle moito levantar a cabeza e sacudir os antefaces para poder ver os seus intereses e o seu futuro. 

   
SE QUERES VER AS FOTOS PINCHA AQUÍ

25/06/16

Cómpre que nazan flores cada día





Compre que nazan flores cada día, como din Mini e Mero, e en cada curruncho do pais, aínda que non estea de moda, pero xa sabemos que as modas son pasaxeiras e o país seguira o seu camiño. Para que nazan estas flores precisamos saber onde estamos, querernos moito e traballar arreo.

Tamén precisamos soñar cun tempo e un país, desafiar a quen nega o noso futuro, a quen espolia o dereito a vivirmos na nosa Terra do noso traballo. 

Temos  que ter fachenda e rebeldía diante da falta de estima polo propio e da ausencia de confianza nas propias forzas. 

Porque Galiza pode. E hai que estar cegos ou ser renegados para non ver que no que somos está a chave do noso futuro.




10/06/16

Música folk galega os Tis Che Tein




Hoxe vai de música folk galega. Era unha tarde chuviosa de primavera en Compostela na que se celebraron os 100 anos da creación das irmandades da fala, acontecemento moi importante na nosa historia.

Entre outras moitas actividades que tiveron lugar ese día atopámonos, nun soportal da praza de Cervantes, e con treboadas de fondo, cun concerto do grupo  Tis Che Tein, do cal desfrutamos moito e que nos soubo a pouco.

 Os "Tis Che Tein" fan música folk atlántica, dende o país. O repertorio está composto por adaptacións de pezas celtas, de países nórdicos, pero sobre todo pezas tradicionais galegas.


O nome do grupo tivo a orixe nun tropezo lingüístico de Núñez Feijoo, presidente da Xunta, cando chama a recoller a Medalla Castelao 2013 á banda irlandesa The Chieftains aos que nomeou como: «Os Tischetein». 
 


Val do Cambas, Aranga


Na Parroquia de Cambas, Aranga, sitúanse os regos de Cambás e a Palanca, forman a cabeceira do río Mandeo, discorren polo seo da Fraga das Barbudas, un bosque autóctono de grande beleza e interese paisaxístico, no que, tamén, se sitúan as antigas instalacións dunha central hidroeléctrica e varios muíños e fervenzas.

No Rego de Cambás atópanse unha serie de  fervenzas de grande atractivo.

No Rego da Palanca, sitúanse outro conxunto de cachoeiras, a máis grande salva un desnivel duns 30 m. A caída principal ten 20 m de altura e forma un pozo circular moi fondo chamado Pozo do Castro Rodicio.

Nas beiras dos regos consérvanse os bosques de ribeira con: amieiros, salgueiros, freixos, bidueiros, abeleiras, sabugueiros, sanguiños, carballos, fentos, espadanas, xuncos, e todo un conxunto de flora moi variada.

É, tamén, moi variada a fauna que ocupa este bosque de ribeira, nela viven: paxaros (ferreiriños, lavandeiras, merlos…), picapeixes, anfibios (ras, pintafontes, saramaganta, sapos), réptiles (cobra Sapeira, lagartos), moluscos (lesmas, caracois) e numerosos insectos.
No río habitan troitas e gran variedade de invertebrados.

Se queres ver as fotos pincha

06/06/16

Río Almofrei



O Almofrei é un río situado na provincia de Pontevedra. É afluente, do río Lérez.  A súa lonxitude é de uns 26 km.

O nome deste río relacionase co lugar e parroquia de Almofrei, concello de Cotobade, por onde transcorre, O nome desta parroquia, e polo tanto do río, é de orixe xermánica. 

Outros autores falan dunha orixe árabe da palabra, que conservaría en galego o significado de funda na que se leva a cama de viaxe.

Despois do seu nacemento atravesa as freguesías de Cotobade: Corredoira, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Borela e Almofrei, que é a que lle da o seu  nome. Desemboca na parroquia de Bora, concello de Pontevedra, no río Lerez.

Moi cerca da desembocadura pasa por debaixo da Ponte dos Franceses (medieval), esta ponte estaba situada nun vello camiño que unía Pontevedra con Terras de Montes e O Carballiño, en total estado de abandono. 

Xunto á ponte existe o resto dunha vía empedrada, á veira desta sitúase un peto de ánimas moi traballado e os restos dun cruceiro.


O máis destacado do seu percorrido son unha serie de fervenzas, con bastante desnivel, moi espectaculares, que se alternan con outras de caídas máis suaves. 

Tamén hai tramos de augas mansas onde se pousan as cores verdes da vexetación e as mil formas da auga transparente.

Nun tramo ancho e de pouco fondo están situados uns pasos ou poldras, que posibilitan pasalo río, cando o nivel da auga o permite. Hoxe faltan algúns   pasos e hai que mollarse para chegar a outra banda do río. 

Se queres ver as fotos pincha aquí 


28/05/16

Lugo, un espazo vital de Manuel María



Lugo, un espazo vital, de versos e amores
duradeiros, espazos do poeta Manuel María.



Vivín en Lugo algúns anos,
conseguín ser bachiller
e gastei a adolescencia
en troulear e escreber.



En Lugo atopei, pra sempre,
o meu amor, que é Saleta:
¡comigo a vida non puido
ser máis xentil e perfecta!