Translate

Amosando publicacións coa etiqueta románico galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta románico galego. Amosar todas as publicacións

30/06/17

Santa María de Nogueira



Santa María de Nogueira: Esta igrexa foi construída na segunda metade do século XII. A fachada principal foi reformada en estilo barroco, no primeiro terzo do século XVIII.

Mostra características do estilo románico, o rosetón do románico tardío, a porta sur enmarcada por un arco de medio punto ornamentado. A ábsida cadrada ten un arco triunfal de medio punto decorado con baquetón e axadrezado. As columnas inclinadas conteñen motivos vexetais nos seus capiteis. Tamén existe unha xanela no testeiro, de orixe románico.

As pinturas murais do seu interior datan de mediados do século XVI, realizadas ao fresco sobre un morteiro de cal e area. Atribúense ao chamado Mestre de Nogueira, de identidade descoñecida.

As características principais do estilo do Mestre de Nogueira son mural de gran formato con influencia italiana, enmarcado por franxas ornamentais de gran riqueza formal, con grande decoración vexetal propios do gusto do seu tempo.

No muro norte da igrexa represéntanse o Xuízo Final, esta configuración da Gloria pódese atopar tamén, moi similar, nas pinturas da bóveda de San Pedro de Ribas Altas (Monforte), obra atribuída ao mesmo autor.

Destaca a situación xeográfica do templo, desde o seu adro podemos observar unhas estupendas vistas do val do Miño, onde podemos observar a súa morfoloxía adaptada ao cultivo da vide da que se elabora o viño da denominación, Ribeira Sacra.

Se queres ver as fotos pincha aquí. 


Se queres ver o vídeo pincha aquí. 


08/01/16

Colexiata de Santa María a Real do Sar

A Colexiata de Santa María a Real do Sar, é unha construción románica do S. XII, conserva a maior parte da súa estrutura e elementos arquitectónicos da época, os contrafortes exteriores, engadíronse no S. XVIII, para reforzala. En 1895 foi declarada como Monumento Nacional.

Consagrada por Diego Xelmírez, a súa orixinalidade radica na inclinación dos seus muros e alicerces interiores.
Entre as diversas teorías que expliquen este feito está a que se debe a que a igrexa está construída nun lugar pantanoso cerca do Río Sar, o que motivou un paulatino corremento de terra, que arrastrou a estrutura. Outros apuntan aos defectos na construción das bóvedas.
Esta inclinación de
muros e alicerces interiores dan unha importante sensación de inestabilidade.
 

A planta é basilical, con tres naves separadas por alicerces compostos e decorados con motivos vexetais. Está cuberta con bóvedas de canón, reforzadas por arcos perpiaños. A cabeceira ten tres ábsidas, o central é poligonal e os dos laterais semicirculares. A iluminación interior provén dos vans nos laterais e do rosetón da portada.

O claustro conta cunha galería porticada na que destaca a decoración dos capiteis, obra do Taller do Mestre Mateo.

18/05/13

San Xiao de Moraime (Muxía)

Un pouco antes de chegar a Muxía, á esquerda, atopamos a igrexa de San Xiao de Moraime. É un edificio románico do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsides. Merce a pena visitala.