Translate

21/05/16

A Casa de Manuel María


A casa onde medran os versos

A casa e o seu contorno amurallado,

erguidos con paciencia e sentidiño

eran un mundo antigo e pequeniño

e un feliz universo desexado…

A casa e o seu contorno ben cercado,

no que a vida corría de mansiño,

tiña a quentura tépeda dun niño

e as ríxidas fronteiras dun estado.

A casa : matria, patria, fundamento

do desacougante drama do existir,

alegre ás veces e outras tristurento.

A casa é para nacer, para vivir.

E deixarlle en herdo o último alento

cando, á forza, teñamos que partir.

13/05/16

Penas de Rodas


Manuel María, dedicou  estes versos a Penas de Rodas:



 En Gaioso, ollando a Chá
Hai dúas penedas ergueitas.
¡Semellan non ser verdá
redondeces tan ben feitas!

As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
Que espían con atención
Ós eidos máis alonxados.

    
                  Si ambas penas se desfán
                 arde, co mundo, un tesouro:
                 ¡unha pena é de alquitrán,
                 a outra unha trabe de ouro!

                Non sodes, non, cantería,
                ouh  penas de encantamento.
               ¡Temo que calquera día
               vos poida levar o vento!

Penas de Rodas
Dous bloques de granito circulares e de inmensas proporcións aparecen nos montes de Gaioso, Outeiro de Rei.    
Son dúas bolas de disxunción que parecen estar a piques de caerse e que dominan a paraxe natural, situadas a máis de seiscentos metros de altitude en plena terra Chá. 
Segundo a lenda popular unha da moles está chea de ouro, que faría rica á comarca, e a outra tería alcatrán e si rompese levaría á destrución as persoas qu moran na súa contorna. Ao non saber distinguilas ninguén quere rompelas. 
Para o que si se utilizaron, na época romana, foi como observatorio astronómico e poder predicir as datas do ciclo agrícola, e tamén é posible que fosen utilizadas como altar cerimonial nos rituais celebrados polos nosos ancestros.


07/05/16

Zamora cidade




Zamora cidade. Parece que os primeiros poboadores destas terras foron os Vacceos, xente adicada á agricultura e á gandaría. 
Serán os Romanos os quen, aproveitando e consolidando os camiños marcados por Fenicios e Cartaxineses fundan Zamora. Esta poboación destacaba na calzada romana, Vía  da Prata, que partindo de Mérida chegaba a Astorga e cruzaba o Douro por Zamora. 

Tras as invasións do norte, Zamora pasa a ser territorio visigodo.  A mediados do século VIII chegan os árabes, chamaríana Azemur, Oliveiral Silvestre e constrúen a quinta muralla que tivo Zamora.

Despois dunha serie de alternancias no dominio, entre árabes e cristiáns. O rei Magno, rei de Asturias, repobóaa con mozárabes toledanos no ano 893, rodeándoa de murallas e dotándoa de pazos e baños, converténdose, polo seu emprazamento e características, nunha cidade fortaleza. Zamora é descrita polos cronistas árabes, como a capital do reino de Galiza, rodeada de sete recintos amurallados e grandes fosos.

O Castelo de Zamora está localizado na parte alta da cidade, detrás da Catedral. Está en fase de rehabilitación para criar o Museo Baltasar Lobo, actualmente situado na Igrexa de San Esteban. O castelo destaca pola súa Torre do Homenaxe, onde se xuraba fidelidade ao señor da terra, tamén destacan as paredes e o foxo que a rodea. O aceso é por medio dunha ponte levadiza. Foi construído no século XI, sufriu varias reconstrucións e ampliacións. Foi declarado Monumento Histórico. Enfronte ao castelo atópase o parque do castelo. 

Zamora posúe unha gran riqueza monumental románica, levantada principalmente no século XII, Idade de Ouro para a cidade. Máis dunha vintena de construcións románicas sitúana como a cidade coa maior concentración de arte románico por metro cadrado do mundo, o que lle fai valedoira do título de Cidade do Románico.

A este valioso conxunto hai que sumarlle a súa arquitectura modernista. Desde o 2009, Zamora pertence ao grupo de capitais incluídas na Ruta Europea do Modernismo.

As Aceas de Oliveirais, sobre o río Douro, atópanse no barrio de Oliveirais. A súa orixe remóntase a o século X, aínda que ao longo do tempo sufriron diversas reconstrucións. Estiveron en uso como martelo pilón, batán e muíños fariñeiros. 
ata finais do século XIX.



Preto das Aceas atópase a igrexa románica de San Claudio de Oliveirais. 


O miradoiro, situado xusto encima das penas de Santa Marta, permite contemplar unhas vistas panorámicas excepcionais de toda a ribeira do Douro, e tamén se pode ver a ponte románica, construída no S XII en pedra. Servía como baluarte de entrada á cidade desde la zona sur, estaba flanqueada por dúas torres. Por ela pasaba a Vía da Prata.

30/04/16

Catedral de Zamora



                  


A catedral de Zamora edificouse na década central do século XII, iniciándose en 1151. Foi consagrada en 1174. 

O templo orixinal foi un edificio de tres naves rematadas en sendos ábsidas hoxe desaparecidos. Podemos imaxinar como foron vendo os da colexiata de Touro, inspirada neste templo. 

Sufriu sucesivas modificacións que modificaron o seu aspecto. 

A torre-fortaleza atópase no ángulo noroeste do templo. Edificada no século XIII, seguindo o estilo románico, aínda que o gótico xa comezaba a xurdir. É maciza e pouco esvelta. A súa función foi de torre da homenaxe, onde poder refuxiarse o cabido en caso de necesidade. Os tres últimos corpos locen vans de medio punto en número progresivamente ascendente para alixeirar o peso da estrutura.

O elemento máis destacado da catedral, ben conservado, é o seu ciborio, levantado por medio de pechinas sobre o cruzamento da nave central e a nave transepto, cumpre a función de lanterna, cunha estética descoñecida ata ese momento nestas terras. Influencias borgoñoas e bizantinas na súa construción deron un resultado harmonioso. Esta construción serviu de modelo para outras da contorna, coma a colexiata de Toro.


Catro pequenas torres angulares serven de apoio a estrutura, a isto tamén colaboran os frontóns rematados en triángulos.

 Columnas, arquiños cegos, capiteis e escamas na súa cubrición, forman un conxunto de singular beleza.



Se queres ver as fotos pincha aquí. 

23/04/16

Urueña



Urueña foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1975. As súas murallas, do século XIII, son as mellor conservadas de toda a provincia. Unido á muralla, atopamos o castelo, levantado no século XI.

Nun val aos pés da vila, fora do recinto amurallado, áchase a ermida da nosa Señora da Anunciada, foi construída no século XI seguindo o estilo románico lombardo ("primeiro románico"). Actualmente é o único exemplar en estilo románico catalán en Castilla e León.

No interior das murallas atópanse: a igrexa renacentista de Santa María do Azogue, as pazos nobiliarios, que aínda ostentan nas súas fachadas os escudos dos seus antigos propietarios.

Conta, tamén, con museos e librerías, así como espazos dedicados á música e ao libro. Tres destes pertencen á fundación Joaquín Díaz, outro ao intérprete e compositor Luís Delgado e para rematar a Vila do Libro, un proxecto da Deputación de Valladolid.
 

Dende o alto das súas murallas podemos desfrutar dos impresionantes paisaxes, extensas vistas con multitude de cores cambiantes en función da estación do ano, da hora do día e da posición das nubes. 

Se queres ver as fotos pincha aquí

15/04/16

Villalpando









Villalpando. A existencia desta poboación aparece por primeira vez documentado como vila que chaman Alpando nun documento dos últimos anos do século X. 

Durante o século XI cobra gran importancia, dotándose de varias igrexas adscritas á Catedral e a San Isidoro de León, adquire Alfoz propio(A palabra alfoz deriva do árabe a o-hawz, co significado de distrito rural. Os alfoces xunto á vila á que pertencían formaban o que máis tarde tomou o nome de municipio. 

Fernando II repobóaa na segunda metade do século XII, como defensa do Reino de León fronte ao de Castilla e dótaa de muralla.

O século XIII supón o maior auxe da vila, vinculada á Coroa, desenvolve a súa propia vida, tendo o dereito de celebrar mercado todos os martes, que pouco despois será ampliado tamén aos sábados.


Porta da Villa de San Andrés, Era unha das catro portas de acceso á cidade no século XII . Os veciños coñécena como Porta Vila e debe o seu nome a unha antiga igrexa parroquial á que estaba unida pola súa banda lateral.
Situada dentro do casco antigo, é o monumento mais emblemático da Vila. Distínguense dous estilos diferentes, dado que foi construída en tempos diferentes, séculos XII e XVI.

 

 En 1931 foi declarada Monumento Nacional e actualmente esta considerada Ben de Interese Cultural ( BIC ) .

Pazo dos Condestables - Castelo dos Velasco. Este pazo do século XII , foi a residencia dos Condestables durante o século XVI. Nese mesmo século os Comuneiros incendiaron o edificio, o Condestable Íñigo I construíu un novo pazo.

No século XVIII, o castelo foi de novo asediado, estes son os restos que se poden ver hoxe 
A igrexa, Santa María La Antigua, en ruínas, esta situada no casco antigo, preto da Praza Maior da localidade. Foi fundada en 1170, de estilo románico - mudéxar, o máis destacado son os seus corpos redondeados feitos en ladrillo.
Malia estar xa en ruínas, en 1935 foi declarada Monumento Nacional e esta considerada Ben de Interese Cultural ( BIC ) .
A praza maior, típica de castela, é o centro neurálxico da localidade. Antes " Praza das Carnicerías ", porque se axustizaba aos presos e onde se atopaba a picota . O edificio do concello está situado nunha antiga igrexa. 







Se queres ver as fotos pincha aquí 

08/04/16

Lagoas de Villafáfila

 Lagoas de Villafáfila. Os primeiros restos arqueolóxicos corresponden a asentamentos calcolíticos e da Idade de Bronce (3000 a 1700 a. C.), xa mostran estruturas e ferramentas relacionadas coa extracción e transformación do sal.
Hai manifestacións do paso das culturas romana, visigótica, árabe e mozárabe.
A partir do s. XI, dáse un incremento dos núcleos de poboación, especialmente das cabanas e pousadas ligadas directamente á explotación das salinas, moitas das actuais poboacións deste territorio teñen neste tempo a súa orixe, como son: Villarrín de Campos, Villafáfila, Otero de Sariegos e Revellinos.
A demanda crecente de sal orixinou un grande incremento da explotación que pasou a ser monopolio real no ano 1348, este incremento da produción levou ao progresivo esgotamento das salinas que, xunto coa intensificación do comercio con Portugal orixinou o declive da explotación do sal, o abandono definitivo foi no s. XVI.
 
Destacan na paisaxe os pombais, de planta xeralmente circular, adoitan estar construídos con ladrillos de adobe, unidos por unha fina capa de barro, o tellado está realizado con tella árabe de barro cocido. A pouca rendibilidade das pombas levou ao abandono de moitos destes pombais. Nos últimos tempos tentan recuperalos. 
Este conxunto de lagoas salitrosas, de carácter estepario e unha boa zona para todo un conxunto de aves. É a principal zona húmida esteparia de Castela e León. 
 





03/04/16

Toro, Zamora



Toro, Zamora. Esta poboación foi declarada Conxunto Histórico Artístico. A súa situación estratéxica propiciou que fose lugar de conflito entre cristiáns e musulmáns, corte de reis e capital de provincia no século XIX. 

A vila de Toro está estruturada en forma de abano,  no seu centro atópase a colexiata de Santa María a Maior, do século XII. Do exterior destaca a decoración da porta occidental, foi construída seguindo o modelo da de Zamora Comezou a construírse no século XII, sendo unha das construcións máis características do románico na súa fase de transición. O ciborio desta colexiata enmárcase dentro dun grupo coñecido como grupo de ciborios leoneses, formado ademais polos das catedrais de Zamora, Plasencia e Vella de Salamanca.

Na primeira etapa de construción utilizouse pedra caliza, de cores claras, para levantar o edificio, na segunda etapa o tipo de pedra foi a arenisca, de  tonalidades avermelladas como material base, o resultado é un acusado contraste de cores entre as dúas etapas. 


Xunto á colexiata está o miradoiro do Espolón, desde o que se divisa unha veiga denominada o Oasis de Castilla. 

 Entre os edificios civís destacan, o Concello e os palacios dos condes de Requena, dos marqueses de Alcañices ou dos marqueses de Castrillo. 



Para ver as fotos pincha encima